FIN DE SEMANA: AS NOSAS LETRAS. Propostas para tempo de lecer (II)

APOIA AS NOSAS LETRAS, MERCA NAS NOSAS LIBRARIAS

 ” O MERGULLADOR ATLÁNTICO”. Contos con protagonismo o mar. Fernando Patricio Cortizo. Edición de autor

Presentado recentemente en Aguiño, trátase de contos e relatos con salitre, gardados e custodiados nas privilexiadas mentes dos nosos maiores, que agroman ao redor do lume das lareiras, ao calor dunha cociña de leña, entre o balbordo das tabernas mariñeiras, polos recunchos dos peiraos, polas corredoiras costeiras e en calquera sitio que sirva para admirar a beleza engaiolante do noso mar. Nas súas 240 páxinas este coruñés, Fernando Patricio Cortizo publica a súa sétima obra na que as hisrtoias mariñeiras e os naufraxios son o argumento principal das mesmas. A obra, de edición persoal e de distribución limitada pódese pedir en fernando_pecio@hotmail.com

 “CELADA”. Novela Antonio Piñeiro. Xerais

Celada, a obra gañadora da sétima edición do Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, foi unha das grandes sensacións literarias da pasada tempada no ámbito das nosas letras, en boa medida porque supón un novo exemplo da depuración do estilo particular de Antonio Piñeiro, autor que domina á perfección a cualidade de entreter ao lector ao tempo que lle ofrece unha prosa innovadora coma poucas. Celada sitúanos nos anos setenta, unha década se fondas transformación sociais e políticas na que ferven as revoltas universitarias, como por exemplo as protagonizadas en Compostela pola mocidade activista que enchía daquela os campus e as facultades. A novela de Antonio Piñeiro pon o foco nunha destas accións de mobilización, que está a piques de ser desbaratada por redada policial comandada polo inspector Alaín.

“O SEGREDO DOS ZAPATOS”. Contos. Fernando Cabeza Quiles. Edicións Embora

Trátase dunha nova edición, publicada por primeira vez no seu día, agora corrixida e acompañada dunhas novas e magníficas ilustracións (incluída á da capa) da autoría do artista carballés Mon Lendoiro. Son 14 contos que no seu día tiveron bastante éxito, pensados nun principio para nenos e preadolescentes, que tamén poden ser lidos pola xente maior que o desexe. Os relatos, ambientados na Costa da Morte e na comarca de Bergantiños, a terra roxa ao arar, non teñen, á mantenta do autor, o didactismo e o moralismo como finalidade primordial e foxen do maniqueísmo que fabrica e reparte etiquetas de bos moi bos e malos malísimos. Tamén procurei que non se notase finalidade predicadora ningunha, aínda admitindo que toda obra literaria ten unha parte máis ou menos grande de predicación.

Por oura banda, os contos cóntanse, pero non se explican, á vez que non (que Deus ou o Ceo me libren) se adoutrina nunha dirección ideolóxica concreta, para incentivar o espírito crítico e independente dos nenos, que, como futuros cidadáns libres e sen prexuízos, decidan por si mesmos. Os pequenos protagonistas dos relatos non son nenos e nenas que imparten as leccións que os adultos lles indican. Sen abusar dun didactismo esaxerado, incídese en incentivar o amor e o respecto á Terra (con maiúsculas), porque estamos xogando con lume e o lume queima e destrúe. Tamén se invita á xuventude a practicar cada vez menos o consumo (sen citar explicitamente esta palabra) desaforado e superfluo que nos invade ao tempo que se lle ofrece á xente nova a paisaxe, o deporte e as lendas populares como alternativas de ocio convenientes e válidas. No libro prima, creo, a palabra e a musicalidade sobre a historia. Oxalá teña lectores o meu libriño, que, dende xa, espera ser adoptado por un moi módico prezo nas tendas de libros do país. Se “O segredo dos zapatos” contribuíse a configurar, aínda que só fose un chisco, unha sociedade mellor daríame por satisfeito.

 “MEMORIAS DUNHA ESTRELA SEN LUZ”. Poemas. Andy da Fonte. Torres Editores

O poemario co que vén de estrearse como escritora esta pobrense, é un conxunto de «poemas estilisticamente heteroxéneos, pero cunha certa unidade narrativa».

Na presentación da súa obra que tivo lugar no Cine Elma de A Pobra recentemente a autora explicou que o libro recolle versos que escribiu desde que tiña 12 anos ata a actualidade, engadindo que forman parte dunha conversa coa súa avoa, á que lle dedica estas Memorias dunha estrela sen luz. O volume está estruturado en dous bloques temáticos, Angustia e Loita, e xira ao redor de cuestións como a importancia da auga como metáfora; a luz fronte a escuridade, que son personaxes simbólicos; a conciencia da existencia; a luz como prisión; a escuridade dos soños… É, segundo puideron concluír os presentes, un canto á paz, á liberdade e á realidade máis sincera.

Proposta I- 3 de xullo de 2021