Atesoura numerosas distincións tales coma o García Barros, no 2011, por As fiandeiras, ou o Torrente Ballester, no 2017, por A través do fume. E, no ano que acabamos de deixar atrás, sumou catro recoñecementos ao seu currículo. Deste xeito, o escritor e profesor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962) constitúe unha das figuras máis prolíficas do noso panorama literario. Así mesmo, destaca pola súa faceta coma historiador, aspecto que inflúe na súa obra, e o seu compromiso co eido cultural tradúcese, entre outros moitos, na súa implicación en Barbantia e pulo a Colección Bourel. Un par de relatos e un desenvolvemento poético integran algunhas das creacións nas que se atopa traballando actualmente.
-Profesor no departamento de Ciencias Sociais do IES Número 1 de Ribeira e, con anterioridade, noutros centros educativos. Cando e por que decidiu comezar a escribir?
“Na etapa escolar, cando facíamos algún poema, conto ou dentro dos traballos das clases. Non teño un arranque especial, vén de moi atrás. Non me considero profesional. Esa cualificación non lla asignaría a nada que tivese que ver coas artes.”
-Foron difíciles os comezos?
“Si, dificilísimos. A literatura require dunha aprendizaxe moi longa e, no meu caso, aínda se está dando. Considérome un practicante da escritura.”
-En que se inspira para escribir?
“Os temas saltan en calquera parte. Andando por unha rúa, estando na praia, no medio dunha morea de xente, asistindo a un acontecemento histórico coma, por exemplo, me sucedeu hai pouco nos campos que visitei da Guerra Civil española. Alí prodúcese unha especie de conmoción que che estimula a facer un relato ou unha novela sobre o que estás experimentando. A inspiración, basicamente, está en todas partes.”
-Concedéronlle catro premios literarios ao longo do 2019. Que se sinte ao obter estes recoñecementos?
“Este ano foi fabuloso, pero non é sempre así. Antes pasei unha tempada moi longa sen que nada resultase. Os premios son tamén un tubo de ensaio no que a literatura que vamos practicando ou ensaiando é aceptada ou non. O xurado dos premios literarios son xente moi cualificada. Entón, a literatura é coma un banco de probas, no caso dos premios literarios, e, ás veces, non completa o círculo, non chega a tocar tódalas sensibilidades necesarias para que che dean o premio.”
-Despois de recibir ao redor de corenta galardóns, non hai certo costume?
“Si. O costume pode ter un aspecto positivo e outro negativo que, como evidentemente se desprende da palabra, acostumarse a algo parece que queda desvalorizado. E, no aspecto positivo, vai sumando e iso indica, ás veces, que camiño pode un seguir, cal é o ton e sirve de acicate para seguir traballando.”
-A obra Esca, a cal obtivo o IV Premio Xosé Neira Vilas, está ambientada nun balneario na illa da Toxa durante os anos 20 do século pasado e ten como protagonista a un vello burgués catalán. Numerosas das súas creacións sitúanse en tempos pasados, ten que ver esta predilección coa súa faceta como historiador?
“Claro, é inevitable. Cada escritor ou practicante da literatura está a falar sempre de si mesmo nos relatos. Podémoslle dar as voltas que se queiran e disfrazadas de calquera tema que nos poidamos imaxinar, pero, en realidade, estamos a falar de nós mesmos. Entón, cando hai un historiador polo medio, a historia entra de cheo na temática. Trata dun inversor que está veraneando un par de meses no Gran Hotel A Toxa durante os anos 20 e está a piques de suceder algo do que ninguén se decata, pero uns nenos que andan fedellando polo medio e aos que el lle da, ás veces, unhas moedas para gastar en larpeiradas, son os que, nunha especie de xogo entre eles, lle fan reparar no que vai suceder que é moi grave, algo que vai afectar a todo o mundo. Aí está o secreto do final da historia.”
-Con Onde nos leven acadou o XIV Premio de Narración Curta Concello de Curtis e o reto literario consistía en que no texto tiñan que aparecer vacas, un tren e zombis. Como logrou fiar estes tres elementos?
“Propón un reto literario como se facía antigamente nas escolas, poñendo tres claves para que ti fagas o relato sobre as mesmas. Alí eran unhas claves moi duras de mesturar, pero pódese facer de moitas maneiras. Os trens, no meu relato, son os que levaban dentro as vacas. O narrador está na parada de Padrón que había antes para ir a Santiago e, no lado da vía do tren na Escravitude, está o vagón de vacas. Nun autobús van todos os estudantes e soando a canción Zombi, de Santiago Auserón. O sentido dos zombis refírese aos estudantes que son levados, igual que as vacas, cara un suposto matadoiro do destino mentres soaba a canción Zombi. Ese é o relato, aí quedou mesturado.”
-A temática do poemario Lintel, distinguido co segundo premio na VII edición do Certame de poesía en lingua galega Manuel María, céntrase na casa e a orixe, introducindo outros factores coma os afectos, as perdas ou os sentimentos. Como enfocou esta cuestión?
“Calquera persoa no mundo sabe perfectamente que temos dentro o neno que fomos. Iso é o que máis gravado queda. Así, a casa sería o primeiro momento, o lugar do nacemento, xente, atmosfera, momento histórico… A casa, a orixe, é un termo filosófico. Unha poesía case abstracta porque está enfocada a intentar comprender a través de sensacións.”
-En Celada, gañadora do VII Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, contribúe á recuperación da memoria histórica máis recente, en concreto, dos últimos anos do franquismo desde a perspectiva das revoltas estudantís que tiveron lugar en Santiago. Influíu a súa época universitaria na construción do relato?
“Un pouquiño, pero para min supón unha época anterior, co cal metemos polo medio a faceta de historiador. Eu vivín Santiago moi intensamente, plenamente. Era a década posterior á que se trata na novela, mais a anterior coñecina moi ben por compañeiros, familiares, outros estudantes e documentos da historia. Pareceume un escenario moi bonito, no que un inspector da Brigada Político-Social pretende capturar nunha redada a un grupo de insurxentes, sen decatarse de que lle vai suceder algo, que é a chispa do final.”
-A pesar da súa asiduidade a concorrer en certames, noutros estivo presente conformando o xurado. No mes de xaneiro formou parte do tribunal encargado de ditaminar a creación gañadora na XLV edición do certame galego de narracións breves Premio Modesto R. Figueiredo. Como describiría a vivencia de estar ao outro lado?
“É tremendamente difícil. Cada membro do xurado utiliza o seu sistema, a súa táboa. Eu emprego unha táboa que ten bastantes focos de cualificación, facéndose unha media con todos eles. É complicado polo número de obras e, sobre todo, porque se presenta xente de gran calidade e, ás veces, de estilos diferentes. Entón, como se avalía a calidade dentro de estilos diferentes? É complicado. De feito, levounos máis de dúas horas chegar a unha conclusión final porque había doce ou catorce de extraordinaria calidade, dificilísimos de escoller entre eles.”
-En que libro está traballando actualmente?
“Nunca ando nun concreto. Os textos vanse compoñendo cada un na súa parcela temática, escollendo os momentos nos que se fan e, ás veces, incluso se conceden uns a outros. Chámase obra en marcha. Actualmente estou traballando sobre catro ideas, un par de relatos, un desenvolvemento poético, un conxunto de cousas.”
-Cal é o tema que abordan?
“Un é difícil para min, pero interesantísimo. É a condición de parella feminina. Outro abarca unha historia que tamén se remonta no tempo, que toca puntos da Igrexa, do Vaticano, de Roma, en conexión cunha serie de escenarios galegos nos que sucede algo. Despois hai outro que é unha especie de continuación a unha das novelas que tiven antes, de tema policial. Por poñer tres exemplos.”
-Verán proximamente a luz?
“Nunca se sabe. O do Premio Xosé Neira Vilas, levaba traballando nel máis de vinte anos. Con iso xa queda todo dito. Os libros mentres se están escribindo hai que ter paciencia, van evolucionando, pasan anos, ás veces non teñen o calado que se esperaba, despois varíanse cousas, introdúcense novos factores… Calquera dos que teño agora igual non van a ningún lado ou igual ten a sorte de que o escollan e o acepten. Teño tres que están abandonados, fóra de combate, porque non tiveron éxito.”
-Un amante da escritura que de seguro ten pensado continuar no mundo literario…
“Eu creo que iso non se pode abandonar porque pasa a ser unha dedicación divertida, lúdica, unha aprendizaxe. Unha vez que che prende, é como un vicio. Sen que se dea conta un, ao mellor hai que esperar uns anos e, de repente, nota como xa está soldado a esa actividade, pois ten moitas repercusións. Non só a repercusión do éxito literario ou do resultado económico, senón outras coma o pracer da escritura, da documentación, da aprendizaxe. Ademais hai un gusto clarísimo en ser capaz de levar adiante unha historia pechada, coma se fose un mundo que un acaba por crear.”