
Desde patrullas neofascistas a Núcleo Nacional, pasando por Vox, Aliança Catalana e outros grupos políticos, a España que afronta as eleccións xerais do vindeiro mes de decembro vai por uns vieiros que outros españois de antano percorreron para ir parar a unha guerra civil que hoxe en día, sen vivila directamente, moitos da miña xeración e posteriores pagamos a un moi alto prezo. E, queiras que non, por moito que tentes non facer semellanzas mentais e desbotes tal posibilidade de repetición, ver escenas que nos retrotraen a aquelas outras lévante a cavilar nas consecuencias de tanto insulto, tanto enfrontamento directo e indirecto na rúa e nos organismos oficiais como poden ser as Cortes ou os parlamentos autonómicos dos que os españois nos dotamos grazas a unha Constitución aprobada pola inmensa maioría dos cidadáns.
Tanto avisar desde a dereita da ruptura de España polos nacionalismos e o comunismo conduciunos directamente á ruptura dun sentimento unitario logrado após a morte de Franco grazas á ilusión de sermos un por moi distinto que fose o noso pensar colectivo. Chegamos a cantar ao unísono con “Jarcha” aquela inesquecible expresión dun desexo que fixemos realidade (por poucos anos, desgraciadamente) con “Liberdade sen ira”; con Manuel Fraga Iribarne e Santiago Carrillo compartindo no Congreso dos Deputados afáns de entendemento polo ben de 40 millóns de españois; co labor conxunto da sociedade para superar os efectos do golpe de Estado protagonizado polo garda civil Antonio Tejero ou as desavinzas en partidos gobernantes coma o PSOE ou o PP das que non nos damos recuperado.
Mais no tempo actual resulta tan preocupante ou máis que sexa a xuventude a que se bote á rúa brazo en alto, con bandeiras e cánticos fascistas polo simple feito de non permitir -como facía a policía franquista- un acto de protesta que outros xoves realizan na Porta do Sol madrileña en apoio a unha muller de 87 anos desafiuzada do piso que habitaba na capital de España e que finou a semana pasada.
Todo este panorama, previo a unhas eleccións convocadas pola única persoa con potestade para facelo: o presidente do Goberno.


