A conmemoración, onte, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, fixo que lembrara canto somos debedores os homes de formar parte, desde o nacemento ata na práctica de vivir, dun sistema de vida que non sería tal de non contarmos cos principios emanados dunha nai.
De nai veño, como vimos todos. Aínda que só fose por isto xa habería motivos dabondo para me sentir agradecido. Mais o certo é que tamén tiven unha irmá. E de seguido tiven amigas, compañeiras de estudos e de traballo. Na maioría de idade compartín vida con quen o corazón e a mente me ditaron. Teño dúas fillas. De ambas as dúas aprendín a respectalas e querelas en correspondencia ao seu cariño e ensinanzas e a comprender das súas e as miñas necesidades en conxunto e porque non son sempre as mesmas.
Correspondemos ás mulleres que contribúen a conformar ese noso ser?.
De ser así, coida o lector que teñen xustificación as 47 mulleres mortas (asasinadas) por homes no ano que andamos?. Que pode levar ao home a cometer un crime semellante que, a maiores, repercute nas familias da parella e, obviamente, na propia, de a ter?.
Nunca atopei unha xustificación á morte dunha muller a mans da parella, por moi problemática que fose a relación entre ambos os dous. Nunca. Como tampouco xustificarei a agresión física. Por sorte existe a posibilidade dunha separación máis ou menos amistosa e que cada quen siga a súa andaina sen máis consecuencia da lembranza que da unión pode quedar. Nen o franquismo nen a jgrexa xustificaron nunca esa obriga de permanecer unidos, de padecer xuntos o malestar de ambos.
Pero falarmos do maltrato e mesmo chegar a xustificar este acalando conciencias semella absolutamente inadmisible.
Así se dixo onte nas manifestacións que encheron de compromisos expresados e demandas de entendemento as rúas e prazas do país, cun expresivo NON Á VIOLENCIA MACHISTA, un recurso para quen non ten argumentos de vida en parella.
Sempre será unha agresión inxustificada e covarde.





