
Ao igual que acontecía no resto da España do franquismo, o nacional-catolicismo imperante era consecuencia trasladada á vivencia particular de cada quen na Ribeira dos anos 50 que, neste caso como residente -xunto cos meus pais e irmáns- comprendín que transcendía relixiosamente máis aló do veo que as mulleres -desde mozas e ata a morte- tiñan que por na cabeza para entraren na igrexa e que eran as grandes protagonistas dos actos relixiosos que se celebraban dentro ou fóra da igrexa parroquial.
Poucos eran os homes que participaban neses actos, agás en ocasións excepcionais; por exemplo, na misa e procesión da Virxe do Carme ou a misa do Galo, a presenza masculina limitábase moito.
Coido que foi coa participación nunhas xornadas sobre o Rosario en Familia -dirixido polo padre Patrick Peyton, da congregación da Santa Cruz co lema “A familia que reza unida, permanece unida”- cando máis homes puiden ver nun acto relixioso. Este celebrouse ao aire libre, na praza de Otero Goyanes.
Centos de persoas seguiron a plática relixiosa, co padre Peyton como cerimoniante principal,e moitos foron os comentarios conseguintes a este acto relixioso.
Pero naquela Ribeira de rosario na tardiña para as mulleres (e algún que outro home, poucos) e paseo ao seguir entre o Café de Pedro e a praza do Concello, falouse tamén da aparición do Espírito Santo na libraría da Vixana. Disque se vira unha pomba voando entre os centos de tebeos de Purk o home de pedra, Roberto Alcázar e Pedrín, o Guerreiro do Antiface, Pumby, Esther e un longo etc., e A Vixana (a súa cabeza sempre cuberta cun pano escuro, nas mans un misal ou libro semellante e faciana de poucos amigos. Había no local uns recendos estraños que, para algúns, era a queima continuada de herbas na cociña cuxo cheiro chegaba á porta do establecemento. A Vixana era unha muller baixa, aparentemente de bastante peso e modais non moi agradables. Pouco debía vender, aparentemente.
Entre gomas de borrar, lapis de cores e cadernos, a Vixana disque gardaba unha pluma azul de cando o Espirito Santo a viñera visitar.
E na Ameixida, cadrando coa celebración da Semana Santa tamén se facía unha especie de peregrinación á casa dun veciño (Manolo) para rezar na súa presenza porque, disque, nas súas mans e pés aparecían os estigmas da crucifixión de Cristo. Eses estigmas aparecíanlle en mans e pés exclusivamente durante os días da Semana Santa e, como viñan, marchaban.
Que se saiba, nunca a autoridade relixiosa tomou cartas nestes asuntos.
…





