Lucia e Jason son unha parella de noivos que rouba, atraca, dispara, consome drogas e escapa da policía por unha cidade imaxinaria moi parecida a Miami. Son os protagonistas da sexta entrega do videoxogo Grand Theft Auto, o GTA, que vén de chegar ás tendas e, segundo unha empresa consultora, superou os 1.500 millóns de dólares en compras previas, en reserva. Os seus defensores responden ás críticas que a saga arrastra desde os seus inicios co vello argumento de que ninguén protesta cando ve un filme de atracos ou de asasinos en serie.
O paradoxo é que o xogo naceu, a mediados dos noventa, como unha historia tradicional de policías e ladróns, na que se podía escoller bando. Un dos seus responsables, Gary Penn, contou anos despois que cambiaron o formato porque ninguén quería ser representante da lei. Era moito máis divertido ser o malo. Os creadores encargáronlle a un publicista que provocase o escándalo en prensa: que falen dun aínda que sexa mal. As protestas polo branqueo da delincuencia que facía o videoxogo chegaron á Cámara dos Lores, pero non serviron de nada. A comezos de 1998, a revista oficial de PlayStation británica sacaba o GTA na portada co lema «O crime si compensa». Aos directivos da empresa, desde logo que lles compensaba e segue a compensarlles. Abofé.
A literatura leva séculos facendo protagonistas de pícaros e criminais, desde o Lazarillo a Michael Corleone, pero a diferenza é que na literatura acompañamos o pícaro desde fóra. No videoxogo o xogador ten o mando. É el quen preme o gatillo. O artigo 28 do Código Penal español considera autor a quen realiza un delito tamén «por medio de otro del que se sirve como instrumento». O personaxe da pantalla é ese instrumento. Dirán vostedes que non se mata a ninguén na vida real. Por suposto, pero o xogador, dentro do mundo do videoxogo, vólvese parte activa do crime. Debería dar para reflexionar, cando menos.
Un pequeno experimento holandés de 2008 apuntou que os rapaces que xogaban a un videoxogo violento remataban por ser máis agresivos ca os que só miraban a partida.
A arte pode, e se me apuran, debe representar o mal con toda a crueza posible, pero aquí estamos noutra cousa. O que se vende neste videoxogo é o papel do delincuente, porque divirte máis e, sobre todo, porque factura mellor. O terrible é que ao mercado non lle importa a gravidade do que se nos está a vender nin tampouco ao público masivo que llo merca. A sociedade encolle os ombros e fai que non pasa nada por poñer á nosa disposición o mando dunha historia que, como mínimo, adolece dunha profunda falta de ética. Louvar o crime polo crime non é igual que louvar a arte pola arte.
En 2005, as grandes cadeas estadounidenses retiraron dos seus andeis unha entrega anterior da saga, San Andreas, só cando se descubriu que nun intersticio do xogo estaba agochada unha escena sexual entre o protagonista e a súa moza. Os asasinatos levaban meses á venda e ninguén se sentiu dabondo interpelado como para quitalo do alcance da xente. A clasificación europea do novo GTA, para maiores de dezaoito, protexe legalmente igual que o aviso dun paquete de tabaco, pero este nos estancos véndese con moito máis control. Cando remata a partida, o mando queda enriba do sofá. A man que acaba de coller cocaína e disparar inocentes moitas veces é a dun neno de 13 ou 14 anos.
Xosé Antonio López Silva




