
A frase é do expresidente do Goberno socialista Felipe González Márquez. Rotundo, seguro, sabedor do que foi e do que é?. Pode que si. Díxoo despois de que o expresidente do Congreso, José Bono, explicara nun mitin que non fixera o parvo, que a el o PSOE débelle moito, pero que González aínda lle debe máis ao PSOE.
Obxectivo? Neutralizar a posición política de Pedro Sánchez, unha vez que Felipe González fixera público que o seu sería nestas eleccións xerais un voto en branco. Como “castigo” a Sánchez ou como rexeitamento á actual política socialista?
Outro disidente é o exalcalde da Coruña Francisco Vázquez: anunciou vai uns días que votaría a prol do PP.
E eu pregunto: que lles pode pasar a uns tan nomeados políticos socialistas cando, unha vez perdido o seu cargo, deixan de ter o que aparenta ser “poder” ou “influencia” nas decisións do que foi o “seu” partido? Talvez teñen saudade dos tempos de gloria? Que fai que ambos os dous -e outros en activo no mesmo partido citado- critiquen o que se fai sen eles porque non puideron ou non souberon chegar ata onde o actual secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno español chegou malia non ter maiorías de seu para gobernar? Demasiado “zurdo” Sánchez para González e Vázquez?
Que mala memoria a destes políticos que fixeron e desfixeron ao seu antollo tanto no eido nacional coma no municipal, sen dar opcións aos seus propios compañeiros e, moitas menos aínda, aos da oposición.
O tamén socialista José Bono, expresidente do Congreso dos Deputados, sentou as bases do ser ou non ser político cando na fin de semana pasada se refería a Felipe González: “Non sexas parvo, Felipe: o PSOE débeche moito a ti, pero ti máis ao PSOE”.
Cavilarían ambos os dous que sería deles sen o “seu” partido, sen os seus compañeiros de PSOE cando un deixou de ser un avogado laboralista e o outro un inspector de Traballo? Que votarían hoxe se é que votaran?
A vida dá moitas voltas. Moitas. E moitos electores poden pedirlles contas polo que foron e xa non son. Probablemente dirán que este xa non é o “seu” partido.
Evidentemente. Non están eles.




