
O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, “segue sen ofrecer solucións á fronte da alcaldía en forma de proxectos realizados e compromisos cumpridos”. Segundo o voceiro socialista Fran Suárez-Puerta, “non se pode pretender gobernar eternamente mirando polo retrovisor, responsabilizando de todo aos que estaban antes e presentando como solucións o que non pasa de ser unha declaración de intencións”.
O PSdeG-PSOE puxo como “exemplo de inacción” a “xestión da residencia pública de maiores”, un proxecto que contaba cunha localización en As Saíñas, lembrou, “e que o actual Goberno decidiu finalmente trasladar a San Roque”. Neste sentido, Suárez-Puerta amosou a súa preocupación sobre as obras do centro pendentes de realizar “para as que non existe aínda data concreta de inicio”, comentou, ao tempo que recordou o último pleno extraordinario celebrado sobre a residencia, solicitado polos grupos da oposición, “no que non existiu unha comunicación fluída”. E engadiu: “Resulta curioso que quen presume de diálogo sexa precisamente quen dificulta o debate cando as preguntas non lle gustan. Pedir documentación, esixir que se cumpran os compromisos e reclamar respostas é facer o noso traballo, aínda que á alcaldesa lle resulte incómodo”.
Para o edil socialista, o goberno de Ribeira debe render contas á veciñanza con responsabilidade ofrecendo solucións e materializalas, ademais de explicalas antes, documentalas e abrilas ao debate público.
O PSOE local reitera que “continuará traballando por Ribeira, formulando propostas, fiscalizando a acción do goberno e defendendo os intereses da veciñanza con independencia de quen ocupe a alcaldía”.
“Nós demostramos que o noso compromiso non depende dun sillón. A Sampedro e ao seu goberno non lles queda moito tempo para demostrar o que son capaces de facer, pero que non pretendan confundir aos veciños: gobernar non é facer posados anunciando solucións, gobernar é executalas”, concluíu Francisco Suárez-Puerta.



