A comunidade galega quedará este mércores 14, San Calixto e San Evaristo, baixo a influencia das altas presións e a entrada dunha masa de aire cálido, configurando un escenario xeral de estabilidade meteorolóxica en todo o territorio.
O día comezará con bancos de néboa en diversas comarcas do interior que tenderán a disiparse co avance da mañá. A partir de entón, predominarán os ceos despexados en toda Galicia, unicamente con intervalos de nubes altas. Con todo, cara á tarde a nubosidade baixa volverá gañar terreo: agárdase a entrada de brétemas costeiras polo litoral noroeste que, co paso das horas, se estenderán ao conxunto da costa ao final da xornada.
No referente aos termómetros, as temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso, mentres que as máximas rexistrarán un ascenso moderado, especialmente perceptible na metade norte da comunidade. (Máximas de 25 a 27 graos).
O vento soprará de compoñente norte-noroeste con intensidade frouxa durante toda a xornada.

O noso mar; vento variable á mañá, do noroeste á tarde e do norte á noite, forza 1 a 2 á mañá e á noite e 1 a 3 á tarde. Mar rizado á mañá e á noite e mar ovellado á tarde. Visibilidade boa á mañá e á tarde e mala á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1 a 2 metros á mañá e 2 a 2.5 metros á tarde e á noite.



