
O espectáculo Libres!!!, da dramaturga e actriz rianxeira Esther Carrodeguas, con dirección de Andrés Lima e protagonizado por Alba Flores, gañou o Premio do Público da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, que botou o pano o pasado 31 de outubro, cun balance moi positivo en canto á asistencia, ventas, participación, valoración de público, críticas e sensacións vividas.
Libres!!!, da compañía Teatro del Barrio, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT35, cunha puntuación de 4,88 sobre 5. A segunda posición foi para Las gratitudes, adaptación da novela de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher e protagonizada por Gloria Muñoz, que obtivo un 4,83 sobre 5. Pola súa banda, La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, de Rafael Álvarez, El Brujo, acadou a terceira posición cun 4,81 sobre 5.

Pola súa banda, A vergonza era verde e comeuna a vaca, da compañía de Alicia López, foi seleccionado como o Mellor Espectáculo do Certame de Micro-Escenas M2, mentres que Abril González, da Compañía La Tercera, coa peza Fogar, foi a gañadora do Premio do Público á Mellor Interpretación nesta X edición do certame.
En palabras de Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, entidade organizadora do FIOT coa colaboración do Concello de Carballo: “Celebrar 35 edicións é, sobre todo, celebrar unha comunidade que medra arredor do teatro. O balance desta edición confirma que o FIOT é moito máis ca unha programación de espectáculos: é un proxecto cultural colectivo, construído durante décadas co compromiso do público, das compañías, das institucións, das entidades colaboradoras e dun equipo humano que fai posíbel que Carballo se converta cada outono nun punto de encontro único para as artes escénicas”.
Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979) é actriz, directora, performer, pero sobre todo: escritora. Natural de Rianxo, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo fluctúa no espazo liminal que separa os xéneros e decote bebe moito do seu paso pola Facultade de Xornalismo (carreira que terminou pero nunca exerceu). Desde 2016 lidera onda Xavier Castiñeira a plataforma creativa ButacaZero. Desde ela estrearon Iribarne (o seu non-biopic sobre Fraga Iribarne) ou Melón Pelado (investigación escénica sobre as mulleres rapadas da Guerra e posguerra Civil)

Sinopse de Libres!!!
Faláronlle a vostede nalgún momento da súa vida das impoñentes mulleres anarquistas da historia desta España nosa, esta España miña, esta España morta, esta España viva? Pois non se preocupe, porque aquí non só llo contan, senón que llo cantan! Esther F. Carrodeguas desenvolve para Teatro do Barrio un texto inclasificábel e gozoso no que rescata da nosa historia a unha xenealoxía de mulleres tan libertarias como libres, e faino a golpe de cuplé, repescando do noso pasado musical tamén ás sicalípticas, esas grande e libérrimas artistas cupletistas que ocupaban os teatros (os grandes, os grande, os pequenos e os pequenísimos) moito antes de que vostede (e eu!) pisásemos este escenario que é a vida. Puro teatro! Entrarán en escena A Pioneira (Teresa Claramunt), A Precursora (Guillermina Rojas); A Antagonista Principal (Pasionaria), A Grande (Federica Montseny) e, por suposto, As Protagonistas Principais desta obra: Amparo Poch e Gascón, Lucía Sánchez Saornil e Mercedes Comaposada, fundadoras da organización anarcosindicalista Mujeres Libres. Que vostede non está conforme? Pois relaxar e goce, que son moito máis, pero… non imos desvelalo todo na contracubierta!






