Ribeira celebrou na tarde de onte a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de febreiro. A primeira das mocións a abordar foi a presentada polo BNG sobre a mellora na sanidade pública. O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, indicou que esta proposta foi elaborada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza, cuestión que quedou pendente no pleno de xaneiro, e que incluía o apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o 9 de febreiro en Santiago de Compostela. A este respecto, o PBBI presentou unha emenda que saíu adiante co respaldo da referida formación e PP, a pesar dos votos en contra do BNG, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira.
De seguido, tratouse o punto relativo ao apoio ao sector mar-industria alimentario da comarca fronte ao proxecto de reforma da lexislación de Costas, dando traslado á proposición presentada polo presidente de AGADE (Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos), Roberto Fariña Charlín, como parte do referido sector. Ante isto, o portavoz do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas, presentou unha emenda na que se contemplaba trasladar ao Goberno central e ao seu Ministerio para a Transición Ecolóxica a necesidade de ter en conta a especial relación que garda o mar con Galicia e, polo tanto, a necesidade de facer compatibles a preservación do litoral e a paisaxe co mantemento dos postos de traballo e a actividade no borde litoral; demandar a aplicación da actual normativa legal Lei de Costas 2013 e regulamento da Lei de Costas 2014 “coa máxima flexibilidade posible para facilitar o desenvolvemento de actividades compatibles coa protección do litoral”; demandar que calquera futura modificación normativa que afecte á Lei de Costas ou ao seu regulamento se faga mediante un diálogo amplo cos representantes dos sectores afectados e as autoridades locais e autonómicas pertinentes, ademais dos mecanismos xa previstos na lexislación “de xeito que se procuren as mellores solucións para impulsar a actividade económica e ao tempo facer a protección do noso litoral.” Esta foi denegada ao contar unicamente co apoio dos socialistas, absténdose Suma Ribeira e votando en contra PP, PBBI e BNG. A continuación, a petición de Vázquez Cobas, efectuouse a votación da moción dos populares en dúas partes: por unha banda, os puntos 1, 2 e 4 (saíron adiante cos votos a favor do PP, BNG e Suma Ribeira, absténdose PBBI e PSdeG-PSOE); e, pola outra, o punto 3 (tamén saíu adiante cos votos favorables do PP, a pesar dos votos en contra do PSdeG-PSOE, BNG e Suma Ribeira, e absténdose o PBBI). Deste xeito, a cuestión foi aprobada na súa totalidade.
Respecto da proposición presentada polo PSdeG-PSOE sobre garantir a igualdade de trato entre as parellas de feito e as casadas no acceso á pensión de viuvez, o PP presentou unha emenda ao segundo punto que, tal e como explicou a concelleira Ana Barreiro, se focalizaba na mellora da redacción do texto, algo que aceptaron os socialistas. A cuestión foi aprobada por unanimidade.
Outros dos asuntos levados a pleno polos socialistas foi o relativo á realización dun proxecto de apertura, compactado e pavimentación da vía pública 9007, entre Casanande e O Viso. En relación a isto, o PP presentou unha emenda, exposta pola edil Elvira Pereira, consistente en manter conversas primeiramente coa veciñanza do lugar e que foi aprobada por unanimidade.
O décimo punto da orde do día correspondeuse coa proposición levada por Suma Ribeira sobre vertedoiros incontrolados no municipio. Neste senso, o BNG presentou unha emenda de engádega para que o Concello ribeirense promova a compostaxe de residuos orgánicos mediante a instalación de composteiros comunitarios e individuais pois, segundo afirmou o edil Luís Pérez Barral, “en 2020, a Unión Europea recomenda que a compostaxe de residuos orgánicos sexa do 50% e Galicia non está traballando nese sentido.” Mentres tanto, o concelleiro popular Emilio Pérez avanzou que se estuda a implantación de composteiros en determinados puntos do municipio, ademais de que, dentro do proxecto Máis Ribeira Atlántica 2020, “está prevista a elaboración dun plan de xestión de residuos municipais, que incluirá as grandes principais liñas de actuación para garantir o cumprimento da directiva.” Así, ofreceu unha emenda de substitución dos puntos 2 e 3 para que “por parte do Concello se inicien as negociacións coa Comunidade de Montes de Artes coa fin de adquirir a titularidade dos terreos onde se sitúa a canteira abandonada da zona do campo; e poñer os medios necesarios para que o tratamento e a trituración de refugallos das obras sexa levado a cabo por un xestor autorizado e incrementar as medidas destinadas a que outras clases de lixo acaben no punto limpo.” A emenda de engádega do Bloque logrou ser aprobada cos votos favorables de BNG, Suma Ribeira e PBBI, absténdose o PP e PSdeG-PSOE; mentres que a do PP quedou denegada ao contar só co respaldo dos populares, a abstención do PSdeG-PSOE e os votos en contra de Suma Ribeira, BNG e PBBI. O resto de puntos da proposta inicialmente presentada saíron adiante por unanimidade.
O BNG levou unha proposición a prol da igualdade real entre mulleres e homes. O edil Luís Pérez Barral expuxo que requirían, entre outras cuestións, que o Concello de Ribeira recoñeza e apoie as convocatorias do feminismo galego auto-organizado neste 2020 “colocando no centro de debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, que non podería sosterse sen os coidados que desenvolven moitas mulleres de forma gratuíta ou a través da precarización das mesmas, comprometéndose a traballar para que os poderes públicos contribúan a superar esta situación”; ou comprometerse a iniciar a elaboración do Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados. Esta cuestión foi aprobada por unanimidade.
A dotación dun aparcadoiro en superficie no novo Auditorio municipal foi levada a pleno polo PBBI. A isto, o PP presentou unha emenda da man do concelleiro Ramón Doval, focalizada en “rescatar, coa máxima antelación posible, a xestión dos aparcamentos do Centenario e, unha vez recuperada esta instalación, avaliar a través da mesa de peonalización as posibles carencias, se as houbese, en canto ás prazas de estacionamento para o novo Auditorio e tomar as decisións oportunas.” Esta emenda saíu adiante por unanimidade.
O PBBI tamén presentou unha proposición para a realización dun Entroido de verán o día 11 de xullo. Tanto o PP coma o BNG presentaron unha emenda fundamentada en escoitar as suxestións da hostalería, acordándose finalmente votar a dos populares, a cal foi aprobada por unanimidade.