O grupo socialista de Ribeira vén de presentar, para o seu debate no pleno municipal deste mes de febreiro, unha proposición destinada a pór en marcha medidas que garantan a igualdade de trato entre as parellas de feito e as casadas no acceso á pensión de viuvez.
Segundo explica a agrupación que lidera José Vilas, as persoas rexistradas na actualidade como unións de feito que sobreviven ao falecemento da súa parella atópanse, no ámbito estatal, discriminadas con respecto a quen formalizou o matrimonio civil ou relixioso no que se refire á percepción da pensión da viuvez. En termos máis concretos, ao membro da parella que sobrevive esíxenselles requisitos para a recepción da dita cobertura que “non son contemplados nos restantes supostos”. Esta diferenza de trato, sinala o grupo ribeirense, “non ten causa obxectiva que actualmente a xustifique.
Co fin de clarificar conceptos, o PSdG local remite á Lei Xeral da Seguridade Social, modificada no ano 2007, onde se determina que “o membro supérstite da parella de feito deberá acreditar para percibir a pensión, que os seus ingresos durante o ano natural anterior non alcanzaron o 50 por cento da suma dos propios e dos do falecido habidos no mesmo período, ou o 25 por cento no caso de inexistencia de fillos comúns con dereito a pensión de orfandade”. Este regulamento, insisten os socialistas ribeirenses, supón “unha dobre discriminación, xa que por unha banda se lle reclama ao membro defunto da parella que gañase un euro máis que o sobrevivente para poder percibir a pensión (requisito que nalgún caso se require ao cónxuxe que sobrevive no matrimonio), e pola outra establécense unhas demandas diferentes no caso de que non existan fillos comúns con dereito a orfandade”.
A raíz de todo o devandito e dunhas modificacións ao regulamento que resultaron ser insuficientes, o grupo ribeirense sinala que cómpre xuntar forzas para mudar a norma, “agora que a realidade social que se tentaba regular daquela, cambiou de maneira substancial”. De feito, non só medrou o número de parellas de feito senón tamén o número de fillos nados deste tipo de familias, que guindan unha porcentaxe do 46,8 % segundo as últimas cifras recollidas en 2017, cando nos anos 90, estes non chegaban ao 10 %. “Estas cifras”, explican, “son manifestación da ruptura do modelo tradicional familiar existindo unha realidade como son as unións de feito que debe ser considerado e regulado”.
Máis cifras
De acordo cos datos do Instituto Nacional de Estatística no ano 2018 había en España rexistradas 1.625.800 parellas de feito fronte a 9.655.100 parellas casadas. Iso, explica o PSdG de Ribeira, supón que un 14,41% da poboación opta por inscribirse nun Rexistro Oficial de Parellas de feito, fronte a 85,59% que optan polo matrimonio. A agrupación lembra outro dato: en España o número de viúvas é moi superior ao de viúvos, unha circunstancia que supón, na práctica, que “a devandita norma atente contra a igualdade da muller no noso ordenamento xurídico”.
Petición
Por todo o dito, o grupo proporá en pleno “instar ao Goberno de España a promover a modificación da Lei Xeral da Seguridade Social e demais normas que resulten necesarias para garantir aos membros das parellas de feito, o acceso a todas as prestacións ou pensións vinculadas a situacións de viuvez, nas mesmas condicións que aos cónxuxes nos matrimonios civís”.