A Xunta destina máis de 4,3 millóns á formación marítimo-pesqueira en 2026, a maior inversión dos últimos anos, entre ela a de Ribeira

09 Xuño 2026

A Xunta de Galicia reforzará en 2026 a súa aposta pola formación marítimo-pesqueira cun investimento superior aos 4,3 millóns de euros, a cifra máis elevada dos últimos exercicios e un 27,77 % máis que no ano anterior. Así o anunciou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, durante a súa comparecencia na Comisión de Pesca do Parlamento galego.

A responsable autonómica destacou que a formación constitúe unha ferramenta estratéxica para garantir o relevo xeracional, mellorar a cualificación profesional e incrementar a competitividade da cadea mar-industria. Neste sentido, subliñou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e as confrarías, organizacións de produtores, cooperativas e asociacións profesionais para adaptar a oferta formativa ás necesidades reais do sector.

Segundo explicou, esta coordinación permitiu responder con rapidez a situacións excepcionais como a elevada demanda rexistrada a finais de 2025 para a renovación da Formación Sanitaria Inicial, unha certificación obrigatoria para embarcar. A Xunta mobilizou os recursos das escolas náutico-pesqueiras e das entidades colaboradoras para evitar que profesionais do mar quedasen sen exercer por falta desta acreditación.

Unha rede formativa de referencia

Galicia conta cunha das redes públicas de formación marítimo-pesqueira máis completas de Europa, integrada polo Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, as escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

No curso actual, estes centros suman 474 estudantes matriculados en ciclos relacionados co sector marítimo-pesqueiro. Desde o ano 2000 rexistráronse máis de 11.300 matrículas e centos de profesionais tituláronse como patróns e mecánicos navais. Ademais, durante 2025 impartíronse accións formativas non regradas a 787 persoas en especialidades adaptadas ás necesidades actuais da actividade pesqueira.

A esta oferta engádense as axudas destinadas ás confrarías e organizacións profesionais para o desenvolvemento de actividades formativas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). A convocatoria de 2026 contará cun orzamento de 800.000 euros. No exercicio anterior permitiu formar a 1.195 persoas mediante máis de 90 cursos.

Reforzo da remuda xeracional

A incorporación de novos profesionais ao mar continúa a ser unha das prioridades da Consellería do Mar. Neste ámbito, durante 2025 púxose en marcha unha liña de axudas para facilitar os coñecidos como “días de mar”, cun investimento de 350.000 euros que permitiu apoiar a 35 armadores e ofrecer formación práctica a 37 estudantes a bordo de embarcacións pesqueiras.

A Xunta tamén impulsou novas bolsas para titulados en acuicultura e para persoal auxiliar de investigación mariña, cun investimento superior aos 250.000 euros. Paralelamente, traballa nunha nova regulación das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente para simplificar os requisitos de acceso e adaptar a formación ás necesidades actuais do sector.

O Plan de Cultura Marítima supera os 1.500 bens documentados

Durante a súa intervención, Ángeles V. Suárez destacou tamén os avances do Plan de Cultura Marítima de Galicia (Pcuma), desenvolvido en colaboración coa Universidade da Coruña. Desde a súa posta en marcha en 2021, o programa recibiu máis de 507.000 euros de investimento e permitiu documentar arredor de 1.500 bens do patrimonio marítimo inmoble galego.

Segundo explicou, 919 destes elementos eran ata agora inéditos e o traballo abrangueu os 86 concellos costeiros galegos e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. A directora xeral defendeu que esta iniciativa constitúe unha ferramenta de investigación, documentación e divulgación do patrimonio marítimo e complementa outras actuacións impulsadas pola Administración autonómica neste ámbito.

Compromiso coa produción de semente mariña

En relación coa situación do criadeiro da Illa de Arousa, Suárez atribuíu a súa problemática á caducidade da concesión estatal de dominio público marítimo-terrestre, vencida en 2014 e non renovada posteriormente. A pesar desta circunstancia, asegurou que a Xunta mantén o seu compromiso coa autosuficiencia na produción de semente mariña a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), do Igafa, da rede científica Redemar e do novo criadeiro de O Vicedo, recentemente posto en funcionamento.

Outros artigos

Ribeira prepárase para unha nova edición do IV Ciclo da USC

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo de matrícula da IV Ciclo da USC ata o 24 de xullo; unha acción formativa dirixida a alumnado maior de 50 anos, tal e como indicou a concelleira de Educación, Nucha Brión. Segundo manifesta a edil, "nunca é tarde para seguir...

+

Este domingo 12 celébrase a XII Carreira pola Diversidade de Ambar

Este domingo 12 de xullo, terá lugar a celebración da Carreira pola Diversidade dende as 10h na explanada de Coroso (Ribeira), tras o aprazamento da data inicial no mes de maio. A gran novidade desta edición é o enfoque cara a unha "experiencia transformadora". Ambar...

+

Julián Bustelo e Ana Vidal visitan a rapazada do Concilia Verán 2026

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e a concelleira de Xuventude, Ana Vidal, visitaron esta semana aos nenos e nenas participantes no programa Concilia Verán 2026: unha completa axenda de actividades para favorecer no concello a harmonía entre o tempo de lecer da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.