O PP ribeirense levará ao pleno unha proposición para apoiar ao sector mar-industria alimentario

24 Febreiro 2020

O grupo municipal do PP presenta ao pleno de Ribeira unha proposición para apoiar ao sector mar-industria alimentario da comarca fronte ao proxecto de reforma da lexislación de Costas.

Segundo expón a formación, dan traslado á proposición presentada polo presidente de AGADE (Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos), Roberto Fariña Charlín, como parte do referido sector. Nese texto remitido, maniféstase que o proxecto de reforma “causa enorme preocupación para o conxunto das actividades económicas do tecido da industria alimentaria vinculada ao mar, cuxa actividade require estar situadas na franxa costeira pola súa dependencia da captación directa da auga do mar” a través duns mecanismos instalados que se adaptan ás normativas vixentes na actualidade. O sector fundamenta a súa inquedanza en que a modificación da lexislación pretende introducir unha serie de preceptos novos que “amparan algunhas interpretacións moi restritivas”, ademais de diseminarse por todo o seu articulado “preceptos novos moi xenéricos e abstractos, que recrudecen as esixencias medioambientais en claro detrimento das posibilidades do exercicio sostible das actividades ligadas tradicionalmente ao tecido mar alimentario de Galicia.”

Neste senso, exemplifican que o borrador do novo Regulamento “recorta drasticamente o prazo de duración das concesións de ocupación na zona de dominio público marítimo terrestre para o sector mar industria”, podendo reducirse de 30 a 15 anos ou incluso 3. Así mesmo, sosteñen que a prórroga extraordinaria tamén é obxecto de diminución para as concesións actualmente en vigor “ao establecer esta nova regulación a regra de que se descontará do seu prazo de duración o número de anos xa desfrutados durante a vixente da concesión ordinaria”, pretendéndose modificar o día de cómputo inicial, atrasándoo 30 anos, ata o día un da concesión en vigor.

Tamén afirman que se endurecen os requisitos necesarios para renovar as concesións, incluso para obter prórrogas das actualmente existentes, “sentando para iso unha serie de criterios sumamente abstractos e imprecisos, co que o outorgamento ou a denegación das concesións, así como a súa duración e condicións de uso quedan á interpretación libre do órgano de tramitación dos expedientes.”

Engaden que sobre unha base “tan fraca e maximalista” preténdese revisar tódalas situacións actuais na costa que, segundo informes do Ministerio, poidan non coincidir con eses novos criterios do borrador, “algo que pode levar a consecuencias devastadoras para os sectores produtivos galegos vinculados á costa e a toda a economía social e pesqueira.”

Ademais, declaran que a experiencia destes sectores “evidencia que son actividades probadamente sostibles desde o punto de vista medioambiental, fortemente controladas por diversos organismos públicos, e, de feito, en ningún momento do borrador se afirma que a causa da modificación sexa unha problemática de tipo ambiental, senón, unicamente, unha decisión conceptual.” Finalmente, aseguran que Costas aposta por un litoral libre de actividade produtiva, optando por un uso preferentemente recreativo.

Por todo isto, propoñen instar ao Goberno central e, especialmente, ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) a que, primeiramente, recoñeza a realidade de Galicia, da comarca do Barbanza e de Ribeira en relación á realidade histórica e socioeconómica do sector mar-industria, acuicultura e marisqueo ao longo do último século. En segundo lugar, con carácter previo á aprobación de modificación algunha, dispoñer dunha mesa de análise e negociación cos sectores vinculados ao mar co obxectivo de chegar a un acordo que permita que o proxecto do Regulamento Xeral de Costas e a Lei de Costas teñan en conta as reivindicacións socioeconómicas do sector do mar en Galicia. De seguido, que a reforma da normativa manteña o actual sistema regulamentario das concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre para os establecementos do complexo mar-industria alimentario. E, por último, dar traslado do acordo ao Goberno central.

Outros artigos

Un ferido leve nun choque no concello de Ribeira

Os bombeiros do parque provincial de Ribeira acudiron ao aviso dun choque entre un vehículo e unha cabeza tractora. Unha das persoas implicadas resultou ferida leve e trasladada ao hospital. Completou o servizo a Policía Local. 

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Loitar polos dereitos” – José Manuel Pena

“Loitar polos dereitos” – José Manuel Pena

A cidadanía cada vez é máis consciente de que os dereitos pódense perder se non se loita por eles. Así o poñen de manifesto cada día, moitos veciños, con anterioridade xa o fixeron na parroquia de Corrubedo, logo na parroquia de Palmeira e agora nas parroquias veciñas...

“Hoy 13 febrero doble felicitación” – Manuel Domínguez

“Hoy 13 febrero doble felicitación” – Manuel Domínguez

O autor do artigo (á dereita) e Xosé María Fernández Pazos Por qué se celebra el 13 de febrero La elección de esta fecha conmemora el aniversario de la creación de la Radio de las Naciones Unidas en 1946, una emisora diseñada para difundir información sobre paz,...