A corporación municipal de Ribeira aproba a inclusión de orzamentos participativos

Ribeira celebrou na tarde de onte a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xaneiro, a cal contou coa presenza de traballadores do Grupo Ferrín e representantes da CIG ao abordarse unha moción presentada polo BNG e relativa á empresa mencionada.

Primeiramente procedeuse á aprobación por asentimento da acta do pleno extraordinario do 30 de decembro de 2019 para, a continuación, tratar a revisión de prezos de Viaqua 2020, saíndo adiante cos votos favorables do PP e PBBI, votando en contra BNG e absténdose PSdeG-PSOE e Suma Ribeira. De seguido, o punto relativo ao expediente de enaxenación do antigo inmoble do matadoiro, aprobouse co apoio do PP, PSdeG-PSOE e BNG, a pesar dos votos en contra do PBBI e Suma Ribeira. En cuarto lugar, debateuse sobre a actualización do canon derivado do expediente modificación n°2 do contrato de concesión do servizo municipal de recollida de R.S.U. limpeza viaria e xestión do punto limpo (acordo plenario de data 25 de marzo de 2019), saíndo adiante co respaldo do PP e PSdeG-PSOE, votando en contra PBBI e BNG, ademais de absterse Suma Ribeira.

Respecto da proposición presentada polo PBBI sobre as consecuencias das accións dos concelleiros e concelleiras que coarten a liberdade dun compañeiro ou compañeira na corporación, o PP presentou unha emenda de substitución cun punto único na que, tal e como explicou a edil María Sampedro, se pide “instar aos concelleiros e concelleiras da corporación a manter un comportamento modélico no que valores como a tolerancia, a educación, o diálogo e o respecto mutuo distingan o seu proceder e sexan un exemplo de conducta para toda a cidadanía de Ribeira.” A emenda saíu adiante cos votos favorables do PP, PSdeG-PSOE e BNG, a pesar dos votos en contra do PBBI e Suma Ribeira. Con anterioridade o concelleiro Luís Pérez Barral, do BNG, formulou a seguinte pregunta: “Señor Mariño, Señor Ruiz, probaron vostedes a terapia de parella? Pregunto, porque igual lles pode vir ben”, puntualizando que “os seus problemas persoais non poden ser asuntos de debate en pleno. Existen vías para resolvelos. Se teñen vostedes que chegar aos tribunais, fágano, pero, por favor, non interrompan os plenos municipais nos que se deben tratar os problemas da veciñanza de Ribeira con cuestións particulares.” Ante isto, o rexedor Manuel Ruiz respondeu que “este alcalde respecta ao señor Mariño como aos outro vinte compoñentes deste pleno. Ao señor alcalde non lle escoitarían neste pleno un só exabrupto, insulto ou algo que se lle pareza. Se este alcalde se distingue por algo é pola súa tolerancia.” Pola súa parte, Herminia Pouso, edil do PBBI, afirmou que, tras a celebración da sesión plenaria do mes de outubro, un integrante do grupo de goberno “tomouse o atrevemento” de perseguir no seu coche a Vicente Mariño, para pararse á súa altura e convidalo a baixar do vehículo “provocativamente”; ademais de acusar de que cando se falou sobre isto nunha xunta de portavoces, Xosé Vázquez Cobas, voceiro do BNG, chanceouse. Ao ser aludido, Vázquez Cobas negou tal acusación.

O PBBI tamén levou a pleno a revisión das actuacións da corporación como concedente dos locais do mercado municipal de Ribeira. A isto, o PP presentou unha emenda exposta polo concelleiro Emilio Pérez, quen sinalou que a instalación das chemineas estaban contempladas no proxecto técnico e que no plano estaban estampadas a firma do representante e o selo da empresa. Non obstante, indicou que estaban de acordo en revisar as actuacións, pero por ambas partes, polo que a emenda consistía en “instar ao Concello de Ribeira a revisar as actuacións da propia Administración como concedente dos locais do mercado municipal de Ribeira e ás dos concesionarios para comprobar se as mesmas e, especialmente, as levadas a cabo en relación coa instalación das chemineas na terraza vulneran algunha disposición legal ou obriga derivada do contrato concesional subscrito con Carballosa S.L.” A emenda foi aprobada cos votos favorables do PP e PSdeG-PSOE, absténdose Suma Ribeira e votando en contra PBBI e BNG.

Outra das cuestións a abordar foi a reforma da praza dos Estudantes, da man do PBBI. O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, manifestou que, nesta e outras intervencións, “hai que establecer unha serie de prioridades en base ás carencias que ten o Concello.” Vázquez Cobas, portavoz do BNG, dixo que estaban de acordo en que a praza necesita unha actuación, pero que observaban unha “cuestión de forma” poñendo como exemplo a elaboración dun estudo privado para a aprobación en pleno, algo que non considera “moi correcto”, apuntando que a Administración local ten técnicos municipais e que facilitaría que os grupos fixesen as súas achegas; ademais de precisar que non aparecían prezos nin custes. Unha exposición á que se sumou o voceiro do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas. Pola súa banda, a edil Juana Brión, do PP, adiantou que o grupo de goberno xa estivo e continúa traballando no proxecto de remodelación da referida praza “tendo en conta as necesidades das persoas que a usan a cotío, así como da comunidade educativa coa que se reuniu en varias ocasións.” Sostivo que non se pode deixar nunha praza diáfana, dirixíndose ao PBBI, “como vostedes pretenden” e que unha obra destas características “ten que ser consensuada e definida por técnicos municipais, non por un estudo externo.” Neste senso, anunciou que no proxecto no que xa están a traballar proponse o cambio de pérgolas, adaptándoas “ao benestar da veciñanza e, maioritariamente, dos estudantes”, así como ver a posible situación da mesma; dotar de árbores, algunha área con sombra, mobiliario urbano e evitar lugares escuros que “presten a accións ilícitas.” Concluíu apuntando que a proposta do PBBI non recollía ningunha das melloras que fixeron chegar os usuarios, as cales “semellan imprescindibles.” Así, os populares presentaron unha emenda de supresión “desde comezando pola súa remodelación ata o final.” Antes de proceder coa votación, Lola Elorduy, do PBBI, aclarou que a proposta do seu partido era un exemplo. A emenda saíu adiante por unanimidade.

O punto oitavo da orde do día foi o relativo ao apoio aos traballadores e traballadoras do Grupo Ferrín. Unha moción rexistrada pola CIG e que recolleu o BNG. O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, expresou “a nosa solidariedade con traballadoras ante casos que parece que son de presunta persecución sindical.” A concelleira Rita Rial sinalou que, desde o PSdeG-PSOE, consideran que é a vía xudicial a que “debe dar solución á empresa cos seus traballadores.” No primeiro punto da proposta, entenden necesario falar con Ferrín para que xustifiquen cal é a situación actual na que están os seus empregados, a súa situación xurídica, os problemas que teñen e como pretenden solucionalos. En canto ao segundo punto, pediu que as medidas non prexudicasen á veciñanza usuaria deste servizo. Pola súa parte, Vicente Mariño, do PBBI, insistiu en que “este partido non vai poñer a soga ao pescozo a unha empresa, que sexan os tribunais. Cando a nivel fiscal haxa algún problema, estou seguro de que os servizos económicos do Concello así o indicarán e actuarán en consecuencia fronte a convenios ou calquera tipo de adxudicacións.” A edil María Sampedro, do PP, quixo precisar que o convenio coa entidade colaboradora ten como “beneficiario final e único” á veciñanza ribeirense e brindou “a nosa implicación para continuar esa intermediación. O que nos gustaría sería chegar a un acordo entre as partes, que sexa frutífero para todos.” Este asunto foi denegado ao contar unicamente cos votos a favor do BNG e Suma Ribeira, absténdose PSdeG-PSOE e votando en contra PP e PBBI.

Así mesmo, abordouse a proposición do PSdeG-PSOE sobre o financiamento das entidades locais na prestación do servizo de axuda no fogar. En relación a isto, o PP presentou unha emenda que non logrou saír adiante ao contar unicamente cos votos favorables dos populares, votando en contra o resto de grupos municipais. Seguidamente efectuouse a votación da proposta do PSdeG-PSOE, a cal foi aprobada cos votos a favor dos socialistas, PBBI, BNG e Suma Ribeira, absténdose o PP.

Tamén se debateu o punto sobre a colocación dunha viseira na zona de entrada ao Hospital da Barbanza, presentado polo PSdeG-PSOE, saíndo adiante co respaldo dos socialistas, PP, BNG e Suma Ribeira, absténdose PBBI.

En undécimo lugar da orde do día figuraba a proposta de Suma Ribeira relativa á accesibilidade, Servizos Sociais e inclusión de orzamentos participativos de cara aos presupostos de 2020. Unha cuestión que foi aprobada cos votos favorables de Suma Ribeira, PP, PBBI e BNG, absténdose PSdeG-PSOE.

Por último, tratouse a proposta presentada polo PBBI respecto á realización dunha inspección e revisión dos vados permanentes e revisión da ordenanza municipal de circulación no apartado sobre vados permanentes e temporais. Unha vez efectuadas as intervencións, procedeuse á votación por puntos: o primeiro -incluíndo a revisión da ordenanza municipal- aprobouse por unanimidade; mentres que o segundo foi denegado ao contar unicamente co apoio do PBBI e os votos en contra do resto de grupos.

Quedou pendente de abordar o último punto da orde do día relativo á mellora da sanidade pública, proposición levada polo BNG.