A corporación municipal de Boiro da luz verde a solicitar a dotación dunha ambulancia medicalizada do 061 con base no Hospital da Barbanza

Boiro celebrou na tarde de onte a primeira sesión plenaria ordinaria do 2020, correspondente ao mes de xaneiro e que contou coa ausencia de Juan José Dieste, concelleiro do PP.

Primeiramente abordouse a proposta de convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso á escala básica, categoría de policía, do corpo da Policía Local. A voceira do BNG, Raquel Suárez, apuntou que existen dúas maneiras de realizar o proceso selectivo para este corpo e que, seguindo o da Xunta, se estaba “baleirando de competencias ao Concello.” O edil socialista José Luís Ruiz explicou que a motivación para seguir o modelo proposto residía na “experiencia e oportunidade” ofrecida pola Academia Galega de Seguridade Pública, sen supoñer un custe para as arcas municipais, ademais de ser “plural.” Tras esta exposición, Fernando Manuel García Diéguez, concelleiro do PP, manifestou que “pensaba que se facía para garantir a libre concorrencia da xente e non fose dirixida á oposición, que era polo que nos gustaba a nós, co cal ímonos abster.” Pola súa parte, Carlos Rodríguez, representante de Ciudadanos, insistiu na ausencia dun “informe de necesidades”; mentres que Manuel Velo, de IC Boiro, avogou por “defender a autonomía local” neste eido. Na súa intervención, Dores Torrado, portavoz de Boiro Novo, aproveitou a ocasión para sinalar que “no seu día se falou de cubrir máis prazas noutros servizos”, polo que instou a axilizar a cobertura das necesidades noutros departamentos. A pesar de que o punto contaba co apoio do PSdeG-PSOE e IC Boiro, absténdose os demais grupos da corporación municipal, non saíu adiante ao requirirse a maioría absoluta de votos a favor.

De seguido, procedeuse coa moción presentada por Boiro Novo para a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos, saíndo adiante cos votos favorables da propia formación, PSdeG-PSOE, BNG, IC Boiro e Ciudadanos, absténdose PP.

A continuación, tratouse a proposta do BNG sobre a adopción de medidas de conservación das praias, a cal foi aprobada por unanimidade.

Na sesión tamén se abordou a moción levada polo PP para instar ao presidente do Goberno en funcións a que non se leve a cabo ningún acordo que vulnere o establecido na nosa Carta Magna e resto de ordenamento xurídico español. En relación a isto, a voceira do BNG, Raquel Suárez, propuxo eliminar este punto da orde do día ao entender que estaba “desfasado no tempo”, pois xa está configurado o novo Goberno central. A cuestión foi igualmente debatida e quedou denegada ao contar unicamente cos votos favorables do PP, votando en contra PSdeG-PSOE, BNG, Boiro Novo e Ciudadanos, así como absténdose IC Boiro.

Outro asunto levado a pleno polo PP foi o relativo ao proxecto de reforma da lexislación de Costas e que saíu adiante co apoio dos populares, PSdeG-PSOE e Ciudadanos, absténdose BNG, Boiro Novo e Ciudadanos.

O punto sexto da orde do día foi a moción presentada por Boiro Novo para a adopción de medidas de flexibilización dos pagos a persoas afectadas pola regularización catastral, a cal foi aprobada por unanimidade.

A última proposta que se tratou foi a remitida pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte para solicitar a dotación dunha ambulancia medicalizada do 061 con base no Hospital da Barbanza, contando tamén co apoio unánime.