
Boiro acolleu este martes 20 a inauguración do encontro Speed Networking no Barbanza, organizado desde o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Vilanova de Arousa co obxectivo de poñer en contacto mulleres emprendedoras e empresarias e descubrir posíbeis colaboracións. Na inauguración participou a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, quen salientou que arredor do 60 % das persoas que se achegan á Rede de polos son mulleres, ao tempo que fixo fincapé na importancia de tecer redes a prol da economía galega a través de eventos coma este.
A directora xeral destacou que os 15 Polos de Emprendemento espallados por todo o territorio galego organizan xornadas como a de hoxe en Boiro co gallo de incentivar as sinerxías entre os proxectos que reciben asesoramento gratuíto e personalizado na Rede.
Neste caso concreto, puxo de relevo que “o encontro non só acolle un espazo informal de relación e contacto rápido por sectores, senón tamén un obradoiro práctico de elaboración de caviar de algas co gallo de fomentar o traballo en equipo dun xeito dinámico e participativo”.




