O veciño de Boiro Joaquín Riveiro promoveu unha campaña para demandar a dotación dunha ambulancia medicalizada do 061 ao Hospital do Barbanza. Así, conseguiu o respaldo de 4.510 sinaturas de veciños de toda a comarca, ademais do apoio de trece entidades económicas da acuicultura, marisqueo, deportivas e culturais. A isto hai que sumar a boa acollida dos profesionais da sanidade, os cales son os mellores coñecedores da realidade. O impulsor desta medida manifesta que “se trata de demostrar a sensibilización da comarca neste sentido.”
Agora, o seguinte paso é conseguir que os concellos adopten acordos plenarios demandando a introdución deste servizo, sendo remitidos á Mancomunidade de Municipios Arousa Norte para que, xunto co seu acordo plenario, sexan enviados coas consideracións contidas no escrito deste veciño boirense, así como aquelas outras que se entendan oportunas, á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Cando iniciou esta campaña, Joaquín Riveiro remitiu un texto solicitando unha ambulancia medicalizada do 061, encargándose da tramitación a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e recibindo contestación por parte da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. A este respecto, o escrito de Riveiro ten varias consideracións á resposta recibida, indicando que o Barbanza dispón dunha “dotación subóptima de recursos sanitarios para o traslado en boas condicións de pacientes en risco vital”, engadindo que o traslado dos referidos pacientes se fai co recurso material da ambulancia con base no hospital e cos recursos humanos propios do centro para trasladar os desprazamentos dos centros de saúde, puntos de atención continuada e domicilios ao hospital comarcal.
Ademais, precisa que para os traslados inmediatos ao Hospital Clínico Universitario de Santiago non se dispón dunha ambulancia medicalizada do 061 que poida levar aos pacientes urxentes “con garantías de atención ás complicacións”, polo que “sofren importantes retrasos na súa atención e deben tratarse no Hospital do Barbanza de xeito subóptimo.”
Para ilustrar esta situación, Riveiro pon o caso concreto dos pacientes con infarto de miocardio da área do Barbanza, que “na maioría dos casos non poden trasladarse ó Hospital Clínico ao carecer do recurso medicalizado para o traslado e deben tratarse mediante fibrinolíticos no Hospital do Barbanza e, posteriormente, trasladarse.” Mentres tanto, asegura que a estratexia na práctica totalidade das áreas de Galicia é levar a cabo a angioplastia primaria, “que se demostrou como o tratamento óptimo si se leva a cabo con retraso menor a 120 minutos dende o contacto sanitario, con traslado polo 061 aos hospitais de referencia.”