
A Mancomunidade Barbanza Arousa está a desenvolver desde hoxe martes e ata o xoves unha acción promocional do Camino de Santiago A Orixe na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, co obxectivo de dar a coñecer este roteiro xacobeo entre os peregrinos que chegan á capital galega culminando a súa peregrinación e ofrecerlles información sobre o seu percorrido e os atractivos turísticos, culturais e patrimoniais do territorio.
Durante estas tres xornadas, proporciónase información directa aos peregrinos para achegarlles as particularidades do Camino A Orixe, unha proposta que permite descubrir a riqueza paisaxística, cultural e mariñeira de Barbanza Arousa, así como a identidade e as tradicións dos municipios que integran a Mancomunidade: Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Ofreceranse indicacións sobre este roteiro que percorre 138 quilómetros desde o punto de orixe da tradición xacobea por onde entraron os restos do Apóstolo Santiago para o seu traslado a Santiago de Compostela.
A iniciativa inclúe, ademais, a entrega de material de material promocional (merchandising), chuvasqueiros e pulseiras, deseñado e producido especificamente para esta acción, co fin de reforzar a visibilidade do Camino A Orixe e facilitar que os peregrinos se leven un recordo desta proposta vinculada ao territorio.
Con esta actuación, a Mancomunidade Barbanza Arousa continúa traballando na promoción do Camiño A Orixe e na difusión dos seus valores diferenciais, poñendo en valor a relación histórica da comarca cos roteiros xacobeos, o mar e a ría de Arousa, así como o seu patrimonio natural, cultural e gastronómico.
Segundo informou a mancomunidade, “a presenza nun dos espazos máis emblemáticos e concorridos do destino permite establecer un contacto directo cos peregrinos no momento de chegada a Santiago, ampliando o coñecemento deste roteiro e contribuíndo a posicionar Barbanza Arousa como un territorio de interese para quen desexa seguir descubrindo Galicia e coñecer camiños xacobeos alternativos”.
Máis información na web de Barbanza Arousa.




