O PBBI insta ao cumprimento da proposta de aparcamento para o Centro de Día de Ribeira e desculpas de dous membros do goberno

15 Outubro 2019
Cedida por PBBI

20191015. O Partido Barbanza Independiente (PBBI) levará a pleno unha moción na que insta ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, e ao concelleiro de Seguridade e Mobilidade Cidadá, Víctor Reiriz, a que pidan desculpas e rectifiquen publicamente as súas palabras pronunciadas na sesión plenaria ordinaria do 30 de setembro.

Nesa xornada, a formación liderada por Vicente Mariño de Bricio presentou unha moción solicitando que se posibilitase que os familiares dos usuarios do Centro de Día de Ribeira aparcasen por tempo limitado na zona de carga e descarga existente nas inmediacións “coa sinalización adecuada, podendo compartir o seu uso cos vehículos destinados a carga e descarga, concretamente á hora de entrada e de saída dos usuarios de ditas instalacións asistenciais, así como que se amplíe o tamaño da rampla situada xunto á referida zona de carga e descarga para que poidan acceder os usuarios do centro de día que teñen unha mobilidade reducida e que se desprazan en cadeiras de rodas ou similares.”

Este punto saíu adiante cos votos favorables de tódalas forzas, exceptuando ao PP que votou en contra. De feito, o rexedor Manuel Ruiz advertiu que “o señor alcalde non vai cumprir unha proposición que é ilegal e que, a parte diso, ningún veciño lla expuxo directamente ao señor alcalde, que si solucionou as peticións da dirección dos dous centros. Polo tanto, a partir de aí, que saiba que ningún concelleiro lle imos permitir aparcar nos carga e descarga.”

Neste senso, o partido encabezado por Mariño de Bricio sostén que a súa proposta “se axusta ao recollido na lexislación vixente e non se estaría ante ningún incumprimento”, amparándose no punto oitavo do artigo 13 da Ordenanza Municipal de Circulación de Ribeira, onde se recolle que “o Concello poderá dar autorizacións excepcionais para que determinados vehículos ou usuarios poidan utilizar as zonas de carga e descarga pero en todo caso, por un tempo nunca superior a 30 minutos. Tales autorizacións acreditaranse mediante tarxetas concedidas pola administración municipal a través da Policía Local”; así como no artigo 172 do Real Decreto 2568/86, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o cal recolle que “1. Nos expedientes informará ao Xefe da Dependencia á que corresponda tramitalos, expoñendo os antecedentes e disposicións legais ou regulamentarias en que funde o seu criterio. 2. Os informes administrativos, xurídicos ou técnicos e os ditamines das Xuntas e Comisións redactaranse con suxeición ás disposicións especiais que lle sexan aplicables e se cinguirán ás cuestións sinaladas no decreto ou acordo que os motivase.”

Deste xeito, solicitouse ao secretario municipal do Concello de Ribeira un informe sobre este asunto, quen establece as seguintes conclusións: “Primeira.- O acordo adoptado polo Pleno en Sesión Ordinaria de data 30 de Setembro de 2019 deberá axustarse, na súa execución, ao disposto no art. 13.8 da Ordenanza vixente de Circulación non podendo en ningún caso ‘a autorización excepcional’ que se conceda superar os 30 minutos e en ningún caso invadir a vía pública. Segunda:- Recoméndase a emisión dun informe por parte da Policía Local, como Departamento Municipal encargado da tramitación do presente expediente, co fin de concretar os extremos aos que se refire o presente informe.”

Ademais, o PBBI esixe ao alcalde que faga efectivo o acordo plenario e adopte as medidas incluídas na proposta, as cales “foron aprobadas pola maioría da corporación.” Tamén requiren que, en caso de non facerse efectivos os dous puntos mencionados, “o pleno da corporación municipal de Ribeira acordará a reprobación da conduta do alcalde, Manuel Ruiz Rivas, e a reprobación do concelleiro Víctor Reiriz Lampón.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.