Aprobada a construción dunha nova Biblioteca municipal e rexeitada a proposta sobre o topónimo de Ribeira

20191001. Ribeira celebrou na tarde de onte a sesión plenaria correspondente ao mes de setembro, a cal contou coa ausencia de Herminia Pouso, do PBBI. Ademais, numerosa veciñanza permaneceu no salón ata que se rematou de tratar a proposición presentada por Suma Ribeira, en relación á depuradora de mexillón que se pretende instalar no peirao da parroquia de Castiñeiras.

Primeiramente procedeuse á aprobación por asentimento da acta do pleno extraordinario do 23 de agosto para, a continuación, abordar a conta xeral do exercicio de 2018, no que a concelleira do PP, Ana Barreiro, expuxo que “a conta xeral é un documento de carácter inminentemente técnico, aquí non se está entrando no contido de como se dedican os cartos, senón simplemente é un balance das contas desde un punto de vista dos membros do pleno. O feito de votar afirmativamente á aprobación da conta xeral amosa unicamente a conformidade da corporación coa afirmación de que este reflicta a imaxe fiel da situación económico financeira e patrimonial da entidade.” Este punto saíu adiante cos votos a favor do PP, a pesar dos votos en contra do PBBI e BNG, así como a abstención do PSdeG-PSOE e Suma Ribeira.

Os asuntos que foron aprobados por unanimidade foron o inicio do expediente de cesión en propiedade dos terreos a AMBAR; a modificación puntual da ordenanza 8.3 das normas urbanísticas do PXOM de Ribeira; a proposición do BNG sobre a construción da Biblioteca municipal pública de Ribeira; a proposición do PSdeG-PSOE sobre o saneamento no lugar de Canaveiro, en Oleiros; e a proposición do PBBI relativa á elaboración dun estudo sobre as necesidades das persoas maiores que viven soas.

Respecto ao punto da proposición sobre o proxecto da depuradora de mariscos no porto de Castiñeiras presentada por Suma Ribeira, o PP presentou unha emenda na que, tal e como explicou a edil María Sampedro, “os servizos técnicos e xurídicos do Concello, no ámbito das súas competencias, extremen cantas medidas e precaucións dispoña a normativa legal sobre as condicións ambientais, urbanísticas e de seguridade que deben de reunir a autorización do proxecto de depuradora de mariscos no porto de Castiñeiras.” Esta emenda non foi aprobada, pois só contou cos votos a favor do PP, mentres que a proposición de Suma Ribeira saíu adiante cos votos favorables de tódolos grupos municipais e a abstención do PP.

Tamén foi aprobada cos votos favorables de tódalas forzas, exceptuando ao PP que votou en contra, a proposición do PBBI sobre a habilitación de aparcamento para os familiares dos usuarios do Centro de Día de Alzhéimer. Nesta cuestión, o rexedor Manuel Ruiz advertiu que “o señor alcalde non vai cumprir unha proposición que é ilegal e que, a parte diso, ningún veciño lla expuxo directamente ao señor alcalde, que si solucionou as peticións da dirección dos dous centros. Polo tanto, a partir de aí, que saiba que ningún concelleiro lle imos permitir aparcar nos carga e descarga.”

Así mesmo, abordouse a proposición do PSdeG-PSOE sobre o acatamento da lexislación vixente de normalización lingüística para o concello de Ribeira. Desta maneira, o topónimo de Ribeira volvía a pleno da man dos socialistas que expoñían que “debe inscribirse con ‘b’.” A esta proposta substituíuselle o primeiro punto e engadíronse dous por parte do BNG. A cuestión non foi aprobada, xa que contou co rexeitamento do PP e de Emilio Andrés González Regueira, do PBBI; mentres que tivo os votos a favor do PSdeG-PSOE, BNG, Suma Ribeira e catro concelleiros do PBBI, así como a abstención de Lola Elorduy, pertencente a esta última formación. O alcalde Manuel Ruiz manifestou que “se lle parece, posto que queda por votar a emenda do PP, eu si estou disposto a dialogar con tódolos grupos durante este mes. Retiramos a nosa emenda e ofrezo a tódolos grupos de intentar buscar unha postura do consenso, que non divida a este pobo.”

Outros dos puntos a tratar foi a proposición de Suma Ribeira sobre o rexeitamento ao depósito de lodos nas inmediacións da illa de Sálvora ou outro lugar da ría de Arousa. O PP presentou unha emenda a este respecto que explicou o concelleiro Ramón Doval, “instar á Xunta de Galicia á elaboración conforme á normativa vixente e ás directrices existentes ao respecto deste tipo de actuacións dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito dos áridos procedentes da dragaxe do río Lérez, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente á ría de Arousa.” A emenda non saíu adiante ao contar só cos votos favorables do PP e os votos en contra do resto de grupos municipais. Deste xeito, foi aprobada a proposta de Suma Ribeira coa conformidade de tódalas forzas, exceptuando ao PP.

Na sesión plenaria tamén se deu conta da resolución da Alcaldía sobre a adscrición concreta a cada comisión informativa dos membros da corporación; do decreto de Alcaldía sobre delegación da sinatura do alcalde do padrón de habitantes; do decreto da Alcaldía sobre a delegación da sinatura do alcalde en trámites ordinarios; o informe de morosidade e do período medio de pago global segundo o RD 635/2014, relativos ao 2° trimestre de 2019; o informe sobre resumo dos resultados do control interno e informes do control financeiro; as liñas fundamentais do orzamento de 2020; e os decretos da Alcaldía (art. 42 do ROF).

Finalmente procedeuse a abordar cuestións que quedaran pendentes do anterior pleno coma, por exemplo, a demora das obras no aparcamento disuasorio de Agro do Prego (PSdeG-PSOE); as obras na rúa Fernández Bermúdez (PSdeG-PSOE); as actuacións na rúa Revaleiras (PSdeG-PSOE); as verteduras no río Paxariños (BNG); pasos de peóns elevados no porto de Palmeira (PSdeG-PSOE); o Plan Madruga do colexio de Palmeira (PSdeG-PSOE); a ampliación do horario da Biblioteca municipal (PSdeG-PSOE); a retirada de postes do medio da calzada en Palmeira (PSdeG-PSOE); o aviso sobre a retirada de embarcacións en varios areais do municipio (PSdeG-PSOE); a dotación á rúa Canarias dun espello panorámico convexo (PSdeG-PSOE); e a tramitación dun expediente de subsanación de discrepancias no Concello, tomando parte para defender o dominio público (PSdeG-PSOE).