O remanente de 2018 na Pobra do Caramiñal permitirá numerosos investimentos

27 Decembro 2019

O goberno pobrense, composto por Nós Pobra e PSdeG-PSOE, explicou este mediodía os investimentos do remanente de 2018, cuxa contía ascende a 1.357.365’91 euros, dos cales son utilizables 723.621’82 euros. Segundo destacou a concelleira de Facenda, Charo Varela, trátase do cuarto ano consecutivo no que esta cifra é positiva, ademais de que o superávit acadou os 607.736 euros. Isto supón que parte do remanente se empregará en “investimentos financeiramente sostibles”, outra será de libre decisión por parte do Concello e ao redor de 36.000 euros utilizaranse para amortizar a débeda.

O edil de Seguridade Cidadá, José Andrés Lojo, expuxo que se adquirirá un vehículo para a Policía Local por un importe de 33.000 euros e que estará equipado para o desenvolvemento das tarefas propias deste corpo; mentres que se mercará outro para Protección Civil por un valor de 25.000 euros, mellorando a operatividade do servizo en días que requiran moitas intervencións.

Seguidamente, a concelleira de Servizos Sociais, Servizos Municipais e Benestar Animal, Estefanía Ramos, manifestou que se destinarán 17.600 euros á adquisición de contedores para o lixo, estando a compra xa efectuada. Deste xeito, proximamente procederase a incorporar os novos 96 colectores verdes para substituír aqueles que xa non reúnen boas condicións para o seu cometido. Tamén se dedicará unha partida de 96.000 euros para incluír unha pa retroescavadora, e outra de 21.000 euros para un brazo hidráulico para o desbroce. Neste senso, Estefanía Ramos sinalou que “esta maquinaria é moi necesaria para o mantemento das cunetas en boas condicións, utilizándose tamén na prevención de incendios e no adecentamento das praias no verán.” Todo un equipamento co que agardan contar na primavera do 2020.

A continuación, a edil de Cultura, Patricia Lojo, abordou a cuestión referente a destinar 150.000 euros para a adquisición da Casa da Cadea, algo que cualificou como “acordo histórico” para o goberno. Desta maneira, preténdese “incrementar e protexer” o patrimonio cultural do municipio. Unha construción que o goberno pretende restaurar para uso municipal. Respecto a este asunto, salientou que o punto saíra adiante na sesión plenaria urxente e extraordinaria do 10 de decembro cos votos a favor de Nós Pobra e PSdeG-PSOE, a pesar dos votos en contra do PP e a abstención do BNG.

Pola súa parte, a concelleira de Deportes, Genoveva Hermo, indicou que se empregarán 231.617’58 euros -prezo de adxudicación, mentres que o de partida estableceuse nos 314.398’78 euros- en diversas intervencións no polideportivo municipal situado na rúa Venecia, traducíndose nunha mellora desta instalación. Despois de acometer as obras, as cales van desde solucionar os problemas polas filtracións de auga ata a mellora da accesibilidade, o inmoble “queda practicamente novo.”

Por último, o alcalde Xosé Lois Piñeiro expuxo todo o relativo ao acondicionamento do Camiño Real, na fase 2, ao seu paso pola Ribeiriña e O Conchido. Esta actuación comporta un investimento de 107.000 euros e permitirá a súa pavimentación, así como mellorar a rede de pluviais e a incorporación á AC-305. O rexedor tamén avanzou que, desde a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e en colaboración coa Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, estase tramitando o recoñecemento oficial deste tramo como parte da ruta xacobea que descorre pola comarca do Barbanza ata Santiago. Así mesmo, o mandatario local fixo fincapé en que tódalas intervencións enumeradas “son para mellorar o servizo á cidadanía”, polo que se trata de “investimentos variados, para dar respostas a queixas veciñais, reclamacións, necesidades e novas propostas que faremos realidade no 2020.”

Outros artigos

María Fernández Sandoica presenta o seu poemario na Pobra

María Fernández Sandoica presenta na Pobra do Caramiñal o seu poemario Todo lo que no confundimos por amor. O acto terá lugar no 3 de maio, ás 21.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Alí estará arroupada pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo. No libro, a...

+

A cestaría marca o inicio dos obradoiros de artesanía na Pobra

Cestaría, macramé, cerámica, madeira e xabóns son os obradoiros de artesanía Feito coas túas mans que se imparten na Pobra do Caramiñal dende a Concellaría da Participación Veciñal na determinación de "seguir dinamizando o rural levando actividades aos centros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Tomadura de pelo en prime time”. José Antonio Constenla

“Tomadura de pelo en prime time”. José Antonio Constenla

Hoy ha triunfado el amor, no podía ser de otra manera. Porque, ¿existe alguienque, al igual que Pedro Almodóvar, no haya llorado “como un niño” después deleer la carta a la ciudadanía o escuchar la intervención del presidente de ayer?A veces pienso que somos unos...

“Convulsión y especulaciones”. José Castro López

“Convulsión y especulaciones”. José Castro López

Convulsión en la sociedad después del retiro del presidente “al rincón del pensar ymuchas especulaciones. Unos dicen que los cinco días de “asuntos propios” son paravictimizarse y no dar explicaciones y otros señalan que, falto de cariño, buscó laadhesión de los suyos...