Posta de longo do Camiño de Santiago no Barbanza nun acto celebrado en Compostela

20 Decembro 2019
Cedida por Seispés Producións Creativas

Santiago de Compostela foi o lugar escolleito para a presentación na tarde de onte do Camiño de Santiago no Barbanza, nun acto organizado pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe.

Conducido pola xornalista Yolanda Vázquez, participaron o presidente da Asociación, Manuel Mariño Nin; o documentalista e director do Museo Valle-Incán da Pobra do Caramiñal, Antonio González Millán; o presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e alcalde de Boiro, José Ramón Romero; e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro; ante unha sala ateigada de persoas entre as que se atopaban representantes da Xunta de Galicia e Turismo de Galicia, da Deputación Provincial da Coruña, do arcebispado, das corporacións municipais de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón, técnicas de diversas áreas, así como entidades e empresas turísticas e asociacións sociais, culturais e deportivas.

Cedida por Seispés Producións Creativas

O primeiro en tomar a palabra foi o presidente da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, Manuel Mariño Nin, entidade que naceu no ano 2017 co obxectivo de identificar, recuperar e poñer en valor o antigo Camiño de Santiago desde Barbanza, que discorre polos termos municipais de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón, localidade onde enlaza co itinerario da Ruta Xacobea Portuguesa cara a Compostela. Segundo asegurou Mariño Nin, o de onte foi un día moi emotivo, un soño feito realidade. Neste senso, explicou que esta iniciativa se leva a cabo tras constatar que dito camiño estaba xustificado e argumentado en referencias manuscritas e publicacións a carón dun traballo de investigación a pé de territorio. Como valores existencias desta ruta, subliñou as tradicións xacobeas de orixe medieval que sitúan na bocana da ría de Arousa e na propia ría a arribada dos restos do Apóstolo en Galicia ata a súa chegada ao antigo porto de Iria Flavia; o aproveitamento de tramos transitables dos antigos camiños que comunicaban Compostela co Barbanza; e, en especial, as testemuñas do patrimonio material, inmaterial e paisaxístico que proban a implantación do fenómeno Xacobeo nas nosas terras ao longo dos séculos. Así, a distancia entre o punto de orixe do Camiño do Barbanza e o sepulcro do Apóstolo en Compostela suma 112 quilómetros de percorrido, posibilitándolle ao peregrino obter a Compostela.

Cedida por Seispés Producións Creativas

No que respecta aos indicios históricos que avalan a existencia dun tramo transitable que comunica Compostela co Barbanza, interveu Antonio González Millán, secretario da referida asociación e documentalista. González Millán subliñou que importantes aspectos literarios e haxiográficos medievais transmitidos nos manuscritos da Historia Compostelá e do Códice Calixtino relatan a translación do apóstolo Santiago O Maior desde Palestina a Galicia, arribando por mar a bordo do afortunado navío, primeiro ao porto de Iria e, logo, levaron o corpo ao lugar que entón se chamaba Liberum donum e que agora se chama Compostela, onde o sepultaron. Tamén resaltou o gran traballo de rehabilitación deste camiño, coa localización e identificación do seu discorrer en traballos de arquivo, bibliográfico, percorrendo varias veces o terreo, e incluíndo o estudo de alternativas válidas para superar tramos desaparecidos, afectados, impracticables ou perigosos ao tránsito peonil. Confórmase así unha vía terrestre practicable en 5 etapas, seguindo os parámetros ao uso na peregrinación a pé.

A continuación tomou a palabra o representante da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, quen comezou o discurso felicitando a tódolos participantes neste estudo sobre o Camiño de Santiago no Barbanza polo gran traballo de investigación, elaborado con gran rigor técnico, que engrandece o patrimonio xacobeo que nos pertence ao conxunto dos galegos. O delegado territorial salientou a importancia do Barbanza no acontecemento que, segundo dixo, máis marcou a historia de Galicia e España: as peregrinacións xacobeas. Ovidio Rodeiro apuntou tamén a relevancia das rutas xacobeas ao longo da historia, que foron fundamentais para empezar a crear unha idea de Europa, e subliñou a oportunidade que vai supoñer para Galicia o vindeiro Ano Xacobeo 2021. Tal e como argumentou, trátase dunha tarefa colectiva que vai requirir a implicación de todos.

Cedida por Seispés Producións Creativas

O último en intervir foi presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e alcalde de Boiro, José Ramón Romero, resaltando que o Camiño de Santiago é un símbolo e unha oportunidade, asegurando que primeiro nos posicionou desde o punto de vista relixioso e hoxe faino tamén a través do turismo cultural, converténdose nunha oportunidade de desenvolvemento económico para tódolos lugares polos que pasa e, polo tanto, tamén para a comarca do Barbanza e para os concellos de Arousa Norte, ademais de Dodro e Padrón. José Ramón Romero fixo fincapé ademais na elevada densidade de patrimonio xacobeo existente na ruta de peregrinación, especialmente da época barroca. E manifestou tamén a súa importancia, ao brindar aos visitantes unha complementariedade en algo que Santiago non pode ofrecer: a relacionada co mar, outro símbolo da nosa identidade e un medio de produción que sempre nos deu sustento e na necesidade de sentirnos parte do centro do mundo e colaborar para chegar máis lonxe. Por todo iso, fixo un chamamento a tódolos presentes, ao conxunto dos galegos e a todo aquel que queira achegarse, a descubrir este Camiño de Santiago do Barbanza.

O acto tamén contou con música, tanto ao inicio coma na conclusión. A apertura correu a cargo de Lauda Sion, cunha escolma de obras sacras de diversas épocas, compostas por autores nados ou relacionados coa Pobra da Caramiñal. E, de peche, Barahúnda interpretou unha serie de cantigas de amor e amigo da lírica galaico-portuguesa.

Cedida por Seispés Producións Creativas
Cedida por Seispés Producións Creativas

Outros artigos

Retirada dunha árbore no lugar de Fornos, no concello de Boiro

Os bombeiros do parque Provincial de Boiro atenderon sobre as 9:00 horas da mañá de hoxe unha chamada na que se informaba dunha árbore caída no lugar de Fornos, en Abanqueiro, no concello de Boiro. Despois de realizar unha valoración inicial no lugar, comprobouse que...

+

Sinistro cunha motocicleta na avenida da Coruña do concello de Ribeira

Os bombeiros do parque Provincial de Ribeira foron alertados pasadas as 22:00 horas deste sábado 11 de xaneiro dun accidente de tráfico acontecido na avenida da Coruña, no concello de Ribeira. A incidencia implicou unicamente a unha persoa que conducía un ciclomotor e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A toda vela, outra volta!: non queda outra! ” – Antón Luaces

“A toda vela, outra volta!: non queda outra! ” – Antón Luaces

A fame obriga. Ou, o que ven ser o mesmo, a necesidade de reducir custes fai que experiencias acumuladas durante séculos, obriguen aos armadores de todo tipo de buques a repensar antes de investir na construción de novos buques: retornan as velas e, desta vez, non só...