A Pobra contará con melloras no polideportivo da rúa Venecia

29 Novembro 2019

O polideportivo municipal situado na rúa Venecia convértese en obxecto dunha ampla intervención que abrangue diversos eidos, traducíndose en numerosas melloras para os usuarios desta instalación. Segundo explica o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, “vai cambiar a percepción xeral do polideportivo, tanto para os deportistas coma para os espectadores. Vai ser todo máis cómodo, máis moderno, máis hixiénico.”

O motivo desta actuación radica principalmente en solucionar os problemas que se veñen producindo ao longo do tempo polas infiltracións de auga e a condensación. No que respecta ao interior da edificación, figura a substitución de parte do illamento; a pavimentación dos chanzos; a reparación dunha greta formada na xunta de dilatación da cancha mediante o emprego dunha resina específica; o pintado dos vestiarios; a recomposición dunha fisura nos pasos pequenos; o cambio de tódalas luminarias por LED, traducíndose nun aforro considerable; a instalación dun tabique na entrada aos baños públicos para outorgar maior intimidade; e o amaño do corredor inferior que separa as bancadas grandes da pista, así como a dotación a esta área dunha nova baranda, mentres que o resto de peches son lixados e pintados. Outras das medidas para a mellora desta instalación deportiva municipal pasa por facer os baños accesibles -remodelándoos un chisco-, colocación de ramplas e, unha vez rematen as obras, realización dun itinerario practicable.

En relación á pista, Xosé Lois Piñeiro sinala que inicialmente se valorou renovala por completo, pero os técnicos de Deportes apuntaron que se encontraba en boas condicións, sendo preciso arranxar unicamente aquelas áreas danadas polas goteiras.

En canto ao exterior, atópase a reparación da cuberta; a substitución das portas de fóra; mellorar esteticamente a fachada na rexión da entrada principal; e actuacións nas columnas deterioradas porque as armazóns de ferro oxidáronse, dilatando e provocando que escachase o formigón.

Así, acométense melloras estruturais, estéticas e funcionais. O prazo de execución das obras comeza agora, paralizándose para a celebración do xantar de confraternidade destinado a maiores de 60 anos, retomándose posteriormente para deterse novamente con motivo da cabalgata de Reis e volvendo a darlle continuidade a partir do 13 de xaneiro de maneira ininterrompida e aproximadamente ata principios do verán, momento no que se estima a finalización.

A intervención está financiada pola remanente do ano 2017, o cal foi aprobado en pleno. O prezo de partida estableceuse en 314.398’78 euros, mentres que o de adxudicación foi de 231.617’58 euros, traducíndose nunha baixada que supera os 80.000 euros. En total presentáronse 13 ofertas, resultando mellor clasificada Construcciones Alea, S.L.

Debido a estas obras, os clubs que desenvolven as súas actividades neste pavillón son traslados temporalmente á Tomada e a Bandaseca, exceptuando pilates que pasa a realizarse nun espazo alugado polo Concello. Preténdese así que as molestias sexan as mínimas posibles. Neste senso, o rexedor manifesta que se barallou a posibilidade de que se seguise practicando algún deporte, pero finalmente a idea foi descartada para garantir a seguridade dos usuarios.

Ademais, o mandatario local anuncia que se sopesa a construción dun novo polideportivo, moderno e con tódolos servizos precisos, mais esta iniciativa queda á espera de acometer primeiramente outras medidas prioritarias.

Outros artigos

A Pobra do Caramiñal mostra xa ao Valle-Inclán máis íntimo

A cesión de obxectos persoais e mobiliario do Pazo da Mercé onde residiu o autor, xunto á súa biblioteca persoal, completa a colección do seu museo na localidade coruñesa. O pleno do concello da Pobra do Caramiñal aprobaba esta mesma semana unha corrección de erros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...