
O próximo día 25, despois da misa dominical, ás 11.30 horas, celebrarase na parroquia de Rairiz de Veiga, do homónimo concello ourensán da Limia, un acto promovido pola Asociación de Funcionarios-as para a Normalización Lingüística encadrado na iniciativa En galego, agora e sempre.
É importante sinalar que esta iniciativa de lembrar os nosos devanceiros que falaron en vida o galego, e que indebidamente son rexistrados noutra allea nos epitafios dos cemiterios incúmbenos a todos e todas que temos orgullo de pertenza a unha terra con cultura e lingua de seu. Sempre estamos a tempo de reparar esta ignominiosa anomalía. En Galicia o 99% da súa poboación falou, cantou, quereu e dialogou cos que conviviron con el nun idioma que recibiron dos seus predecesores e que legaron aos seus herdeiros. Foron decisivos na transmisión oral deste patrimonio cultural común.
Os cemiterios en Galicia son territorios inseridos na paisaxe, formando parte dela con especial singularidade, protección e afecto que lles dispensan as parroquias dos vivos as “parroquias dos mortos”. Rosalía de Castro escribiu un poema moi descritivo sobre a convivencia cotiá cos seus defuntos: “Dos vivos amigos sodes/mortos que alí tendes dscanso/e nin os nenos vos temen/ nin a ninguén causades espanto./Visítanvos cada día/falan convosco rezando,/ auga bendita vos botan/na sepultura ao deixarvos…/E “deica mañá”, se despiden/ para o seu traballo”.
Quen non choutou de neno por riba das lousas dos adros das igrexas? Todas elas con cadanseu nome e datas de nacemento e falecemento. Todos fixemos iso sen que tal brincadeira fose irreverente para a memoria das persoas que apodrecen baixo delas. Todo o contrario, faciámolos parte da nosa convivencia que quere ser inmortal.
O filósofo grego Cicerón dános conta dun epitafio con este texto: “Que ninguén me honre con bágoas, nin que me fagan uns funerais con pranto”. Desde entón este tipo de inscricións funerarias
foron perdendo orixinalidade, e hoxe son pouquiñas as que teñen epitafios acaídos, orixinais, que reflictan o sentimento dos seus familiares. Uniformizáronse as frases, devaluando os sentimentos con lápidas frías nas súas expresións. Os cemiterios convertéronse así en tristes depósitos da humanidade borrando as singulares personalidades das que foron vidas senlleiras creadoras de familias con carismas propios que as diferenciaron do resto da comunidade parroquial.
Antonio Tovar, o gran poeta de Rairiz de Veiga, escribiu en vida un poema titulado “Cando eu morra”, moi ilustrativo: “Cando chegue o meu día i o derradeiro viaxe/enterraime na dorna dun adriño aldeán/poñeime nela espído sen sudario, no chan/que xa teño un para min feito só de paisaxe”. Tovar alúde nel ao mito da Terra Nai que define a nosa antropoloxía cultural. Na postdata do texto literario datado en 1962, laiábase asi da morte da Susa, ”outra máis da familia”: “O día 29 de de agosto deste ano/calou a Susa para sempre, xa para sempre/ela tan falangueira”.
O día 25, como queda dito ao comezo deste artigo, a alcaldesa, Asun Morgade,presidirá o acto da restauración da memoria lingüística de don Ramón Rodríguez, que foi mestre e alcalde de Rairiz de Veiga, falecido en 2007, substituíndo a lápida en castelán por outra en galego cun código QR para deixar constancia da súa biografía, con este epitafio: “Defendeu con orgullo a súa identidade galega ali onde foi, sen deixar de falar en galego”. Na porta do cemiterio descubriremos tamén unha placa que deixe constancia con este texto o agradecemento : “a todos os que moran aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
Quedan convidados a participaren nesta convocatoria todas as persoas que cren que a vida é merecente ser recordada despois de morta.



