“A Sinfónica de Galicia abre tempada na Coruña cun gran éxito”. Antón Luaces

08 Outubro 2023

Venres e sábado (6 e 7 de outubro), co aforo do Palacio da Ópera totalmente cheo, a Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a direción do seu titular Roberto González-Monjas, acadou os primeiros e clamorosos éxitos da tempada 2023-2024 na súa sede cotián, tanto no que atinxe ao primeiro dos concertos -“Concerto para violín e orquestra en Re menor, op. 47”, de Jan Sibelius, coa violinista alemana Clara-Jumi Kang- como solista,o mesmo que na interpretación posterior -“Sinfonía número 9 en Mi menor, Op. 95”, de Antonín Dvorák- onde o director, moi ovacionado polo público, foi reclamado por este nun total de  de cinco ocasións, unha máis que a solista alemá, que interpretou unha peza de regalo.

Abríuse a tempada coa interpretación  do grupo de violonchelos da obra do sueco Anders Hillborg “Eleven gates” (“Once portas”) na memoria do tamén violonchelista da Sinfónica de Galicia Vladimir Litvikh, falecido este ano.

Con numerosos “bravo” e nutridos aplausos premiou o público a interpretación do concerto de Sibelius xa indicado, con Clara-Jumi Kang como violinista solista, que evidenciou a súa cálida e maxistral maneira de interpretar esta obra nada doada de trasladar ao gran público. Pero a apoteose chegou coa obra de Dvorák, que pechaba este primeiro comcerto. Unha verdadeira regalía nunha noite calorosa e nun palacio da Ópera reformado tanto no escenario coma na teitume -moi necesitados das obras, que demandaban a berros desde vai anos- e cun público entregado que mantivo os aplausos durante varios minutos, obrigando ao director a entrar e sair do escenario en cinco ocasións e recoñecendo, ao mesmo tempo, esa comuñón evidente entre o director e os músicos.

Unha pena que este tipo de concertos non se celebren noutras vilas e cidades galegas dotadas hoxe en día de salas perfectamente axeitadas para tales eventos.

Outros artigos

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...

+

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

Hai cinco anos, en maio do 2019 nacía na súa edición dixital obarbanza.gal e uns días despois na de papel O Barbanza, sempre en galego e baixo a cobertura do Grupo Código Cero Comunicación. Dicíamos daquela que eramos un grupo de profesionais decididos a aventurarnos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión