“Un cese, un nomeamento e o sector pesqueiro a velas vir”. Antón Luaces

07 Febreiro 2023

Ás doce horas deste mércores, na sede do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o titular deste, Luis Planas, presidirá o acto de relevo da ata o de agora secretaria xeral de Pesca, a coruñesa Alicia Villauriz, pola asturiana de Luanco, Isabel Artime. No mesmo acto vai producirse o nomeamento de Mónica Corrales como directora xeral de Pesca Sostible.

Aínda que estes días pasados circulaba o rumor do cese de Villauriz, barallándose como probable relevo o nome de Ignacio Gandarias (quen a todas luces ten máis que amortizado o seu cargo de director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura) xunto ao de Isabel Artime (quen finalmente foi a elixida) nada facía supoñer un relevo destas características dada a proximidade das eleccións xerais que determinarán un novo Goberno en España.

Villauriz váise a Londres en calidade de conselleira da Embaixada de España na capital do Reino Unido onde, probablemente, terá un labor importante a exercer neste momento de desconexión dese país que foi Estado membro da UE e a propia Unión, coa que ten importantes débedas contraídas a causa dese paso mal dado que todos coñecemos como “brexit” e que, en materia pesqueira, non só desarborou  á Gran Bretaña senon que orixinou nos países marítimos da UE -especialmente en España, Portugal e Francia- un problema de moi difícil solución a partir do reparto de cotas das especies comúns aos intereses de todos aqueles -incluída Irlanda- que teñen dependencia dos caladoiros británicos.

Talvez Alicia Villauriz atope no seu novo destino o que non soubo ou non poido facer na secretaría xeral de Pesca. O seu paso por este departamento non significou ningún avance para o sector pesqueiro español e, particularmente, para a pesca de baixura galega e os cada vez menos barcos galegos que faenan en augas comunitarias. Nin ela nen o ministro Planas que a nomeara secretaria xeral de Pesca, tiveron o peso necesario nos cenáculos comunitarios  (coido que desde os tempos de Carmen Fraga no cargo e coa excepción da que fora Comisaria de Pesca da UE, nunca España en calidade de Estado membro acadou o peso que en Europa tivo -xa non ten- e que se perdeu paulatinamente dende o acceso á CEE en 1986.

Non sei que poderá facer Isabel Artime a partir de agora, á fronte da Secretaría Xeral de Pesca. Egoístamente  deséxolle o mellor, porque o sector pesqueiro español está necesitado da man firme dunha persoa que saiba verdadeiramente o que é a pesca e o que esta significa para a España pesqueira que vai polo mar abaixo garreando como garrea a embarcación que non fixo firme o fondeo.

O potencial pesqueiro do caladoiro Cantábrico Noroeste ten un papel asignado no conxunto europeo que os dirixentes gobernamentais en España esquecen en canto pisan moqueta en Madrid.

A ver se vai desta e ten continuidade no tempo.

Outros artigos

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...

+

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

Hai cinco anos, en maio do 2019 nacía na súa edición dixital obarbanza.gal e uns días despois na de papel O Barbanza, sempre en galego e baixo a cobertura do Grupo Código Cero Comunicación. Dicíamos daquela que eramos un grupo de profesionais decididos a aventurarnos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión