O Plan reitor do Parque Natural de Corrubedo será aprobado pola Xunta este mes

19 Maio 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidirá por videoconferencia a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads).

A Xunta de Galicia aprobará este mesmo mes o Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, despois da reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads).
Este organismo de consulta informou favorablemente este documento, polo que así culmina a tramitación necesaria para elevalo ao Consello da Xunta e que sexa aprobado definitivamente polo Goberno galego antes da súa entrada en vigor.
A conselleira lembrou o traballo feito previamente ata chegar a este respaldo por parte do Cogamads, que incluíu o visto e prace da xunta reitora do parque natural e, unha vez superado este trámite, o sometemento a consulta pública, período no que se presentaron alegacións. Segundo salientou, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural aceptou total ouparcialmente un 92% das achegas recibidas.
Vázquez Mejuto sinalou que na actualidade o parque natural, cunha superficie de preto de 1.000 hectáreas, se regula por un Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e que a Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia sinala que os parques e reservas naturais deberán regularse cun plan reitor e fixar medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.
Así, o principal obxectivo que fixa o novo PRUX para o complexo dunar é xerar e reforzar canles para o fomento do coñecemento científico e a divulgación, así como regular as actividades de uso público, os aproveitamentos e calquera outro uso.
Ademais, nese sentido, facilitar o uso respectuoso e regulado do medio, sobre todo por parte de quen leva anos no mesmo e coñece con exactitude os valores ambientais e naturais a protexer, ao tempo que se permiten as actividades sociais e económicas.
Por outra banda, a conselleira sinalou que o ámbito está dividido en tres: a zona I ou de uso limitado (573 ha), que comprender áreas con valores naturais excepcionais que requiren dunha maior protección, diferenciando entre zona litoral e zona de lagoas e marismas; a zona II ou de uso compatible (369 ha), con áreas que albergan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou de interese para a conservación, incluíndo espazos moi demandados polo uso público, como a praia; e a zona III ou de uso xeral, que inclúe os terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividadeantrópica elevada, como parcelas urbanas, equipamentos e infraestruturas de uso público.
Por último, Ángeles Vázquez destacou que Corrubedo se sumará deste xeito á listaxe de parques galegos que contan cun PRUX, pois o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e os parques naturais de Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra e O Invernadoiro xa contan con este instrumento de protección. Ademais, engadiu xa se está a traballar nos do Xurés e Fragas do Eume.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...