“Ruth Matilda Anderson: a dignidade do rural”. Xosé Antonio López Silva

22 Setembro 2026

Desembarcou no porto de Vigo o 7 de agosto de 1924, cargada de cámaras e acompañada do seu pai, que levaba o diario da expedición. Chamábase Ruth Matilda Anderson, de Nebraska. A Hispanic Society of America, con sé en Nova York, mandábaa ao norte de España para deixar constancia dun modo de vida que, segundo alí crían, a industrialización e a modernidade varrerían de contado. Percorreron o país nun Ford de aluguer cun chofer francés, e a pé e a cabalo alí onde o automóbil non chegaba, improvisando un cuarto de revelado nas fondas onde paraban.

Anderson ficou trece meses, e volveu a finais de 1925, esa vez cunha colega da institución, Frances Spalding. Fotografou mercados, camiños, fiadeiras, portadoras, palilleiras, mulleres tirando dunha rede; en Galicia, deixou anotado, precisamente, que por cada home había cinco mulleres. Tomou leccións de castelán na Coruña, aprendeu tamén galego e chegou a traducir a Rosalía. Do seu libro Gallegan Provinces of Spain (1939) segue sen haber edición na nosa lingua, oitenta e sete anos despois, un feito que di moito acerca do país que somos.

A nova chegou a segunda semana de setembro: a Hispanic Society comezou a abrir o fondo Ruth Matilda Anderson en liña e de balde. Trátase de 5000 imaxes anotadas, das que ata o de agora só coñeciamos unha décima parte. Había moita xente a agardar esta oportunidade de ver agrandada a fiestra coa que a lente de Ruth Matilda Anderson permitiu asomármonos á nosa historia.

Non foi por falta de medios que ningún fotógrafo galego fixera antes nada parecido. Había profesionais, e moi bos: Xosé Suárez, Ramón Caamaño, Ksado; quizá o que non había entre os de aquí era a idea de que retratar o día a día do rural merecese gastar unha placa. As fotos quedaban para o extraordinario: a voda, o defunto composto, o retrato que había que mandarlle ao que estaba fóra. Unha muller cun feixe na cabeza indo á feira non era acontecemento; era un día laborable. A historiadora Ana Cabana, que ten estudado a fotografía como fonte para a historia rural en clave de xénero, propón que ollemos esa parte da sociedade que non concitou o interese do obxectivo, e preguntármonos «polos ángulos mortos ou puntos cegos, polo que quedou fóra de plano». Cara aí chantou Anderson a súa mirada.

Mandárona retratar un mundo que se ía, e de súpeto o golpe militar, a guerra e a ditadura de Franco atrasaron esa modernización case trinta anos, de xeito que o que Ruth Matilda Anderson acabou por fotografar non foi o final dunha época, senón o comezo dunha longa prórroga. Eramos iso: un país pobre, traballado ata a extenuación, sostido por mulleres solteiras e viúvas de vivos e de mortos, que Anderson retratou sen unha pinga de condescendencia pero coa poesía da enteireza: ao pé dunha fotografía de sega, feita en Pazos no verán de 1925, queixábase de que a imaxe non recollía a beleza rítmica daqueles movementos fortes e lixeiros.

O cotián non se ve desde dentro: só lle chega a quen aínda se asombra del. Son esas imaxes que fixo quen cruzou un océano e se puxo a aprender a lingua na que aquelas mulleres lle contaban o que estaban a facer. Aquilo que parecía non merecer unha placa fotográfica resultaba, exactamente, o que para Ruth Matilda Anderson era o máis necesario de plasmar: unha época e unha dignidade contida. A memoria de nós.

Outros artigos

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

+

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.