O Concello de Boiro e a Fundación Alcalde Varela achegan á cidadanía a historia da danza

21 Setembro 2026

O Pazo de Goiáns (Boiro) acolleu este sábado 19 de setembro o encontro Que é o ballet? Orixe e historia, da man de Roger Salas, escritor, crítico e historiador da danza, no marco da IV edición do Mes da Danza de Boiro.

A iniciativa, promovida polo Concello de Boiro e a Fundación Alcalde Varela, en colaboración con Etérea Experience, incorporou á programación un espazo dedicado ao coñecemento e á divulgación da danza, convidando o público non só a contemplala desde a escena, senón tamén a coñecela, contextualizala e comprender a súa evolución.

A xornada comezou coa apertura institucional de María Outeiral, concelleira de Cultura do Concello de Boiro, e coa intervención de Bárbara Da Silva, directora xerente da Fundación, antes de dar paso ao encontro con Roger Salas.

Un percorrido polas orixes e a evolución do ballet

Ao longo do coloquio, Salas percorreu os cinco séculos de historia do ballet e abordou as súas conexións con outras disciplinas artísticas, como a música, a pintura, a escultura, a literatura e a poesía, así como a súa relación coa sociedade, a cultura e a política. Unha visión ampla que permitiu ao público descubrir as múltiples dimensións deste xénero e achegarse a algunhas das claves para comprendelo.

As orixes, as figuras máis relevantes e as principais transformacións do ballet centraron a sesión, na que tamén se trataron os seus temas e códigos, así como a súa relación coa música e o teatro. As anécdotas e curiosidades compartidas por Salas enriqueceron o percorrido e facilitaron a aproximación das persoas asistentes a esta disciplina.

O encontro reuniu 42 persoas e concluíu cunha quenda de preguntas que deu paso a unha conversa sobre o papel da danza na experiencia humana e a evolución do ballet en relación cos cambios sociais e políticos de Europa. Un diálogo que favoreceu o intercambio de ideas e achegou esta expresión artística ao público desde unha perspectiva aberta e divulgativa.

“A comunicación verbal ante o grupo crea, en si mesma, un asentamento para o coñecemento. É, salvando as distancias, algo parecido ao valor que ten unha clase. Sempre haberá unha porcentaxe de persoas dese grupo que vai recibir o que ti lles digas, para as que vai representar algo e vai ter unha utilidade. Son partidario do contacto a través do discurso, creo que segue sendo fundamental” sinalou Roger Salas ao reflexionar sobre o valor deste tipo de encontros.

Máis de catro décadas dedicadas a observar e contar a danza

Durante máis de catro décadas desenvolveu o seu labor como crítico de danza e ballet en El País, unha traxectoria que compaxinou coa publicación de dez libros e cunha dedicación continuada á historiografía da danza e á análise coreográfica.

O seu percorrido profesional abrangue tamén a investigación, a divulgación e a docencia, ademais de traballos relacionados coa escenografía e o vestiario para a danza e as artes escénicas. Foi asesor executivo de danza do Ministerio de Cultura e participou na dirección do Festival Internacional Madrid en Danza. Ao longo da súa traxectoria compartiu camiño e coñecementos con algunhas das figuras e compañías máis relevantes da danza internacional.

“Sorprendeume moito que, nun sitio tan pequeno como Boiro e cun público non iniciado no ballet, a sala estivese practicamente chea. Como punto de partida, é un sinal boísimo. Creo que é un bo comezo para introducir á xente nunha materia como o ballet. É mellor empezar a construír a casa polos cimentos e facelo da maneira máis ordenada; nese sentido, foi un bo paso. A acollida do público foi magnífica. Víase que a xente estaba interesada e receptiva ante un tema como este, que tampouco é demasiado fácil e que ten os seus riscos. Con todo, estou moi contento e satisfeito. Cun público así, está plenamente xustificada a idea do Mes da Danza. Boiro merécese o seu mes ou tempada de danza, hai moito que descubrir á comunidade e entre todos”, sinalou Roger Salas.

Danza, territorio e patrimonio

O encontro formou parte do Mes da Danza 2026, unha iniciativa do Concello de Boiro que, durante o mes de setembro, reúne espectáculos de compañías profesionais e agrupacións locais en distintos espazos do municipio. A súa programación busca poñer en valor a danza tradicional galega como expresión de identidade e patrimonio vivo, incorporando ao mesmo tempo outras linguaxes e formas de creación contemporánea.

Nesta edición, o Pazo de Goiáns converteuse nun dos principais escenarios da programación. A celebración do encontro con Roger Salas ampliou o diálogo entre danza e patrimonio cunha proposta diferente: sumar ao feito escénico un espazo para o coñecemento, a conversa e a divulgación.

“Onte vivimos unha tarde marabillosa no Pazo de Goiáns. O público entregouse e gozou do coloquio que, sen dúbida, sorprendeu a moitos. Roger Salas conseguiu achegarnos ao mundo do ballet e á súa historia dunha maneira próxima, amena e accesíel, facendo que a danza sentise aínda máis próxima ao noso pobo. Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Roger por achegarse a Boiro e compartir connosco os seus coñecementos e a súa paixón. Para quen, aínda que afeccionados, vivimos o Mes da Danza con tanta ilusión e compromiso, contar cunha figura da súa traxectoria significa moitísimo. Seguiremos traballando para que a danza teña cada vez máis presenza en Boiro, apoiando os nosos grupos locais e soñando con que grandes artistas poidan vir compartir o seu talento connosco”, destacou María Outeiral, concelleira de Cultura do Concello de Boiro.

Novas experiencias culturais desde Boiro

Para a Fundación Alcalde Varela, o encontro enmárcase no seu compromiso de xerar novas oportunidades culturais desde Boiro e favorecer o encontro entre o territorio, a creación e o coñecemento.

Nesta ocasión, a colaboración con Etérea Experience permitiu incorporar ao Mes da Danza unha proposta especificamente orientada ao coñecemento e á divulgación, achegando ao municipio a traxectoria e a experiencia dunha figura de referencia no estudo da danza.

“A danza clásica actúa como unha poderosa canle condutora de cultura e de unión a nivel global. Ao longo da historia, esta arte transcendeu as fronteiras xeográficas e as barreiras do idioma, consolidándose como unha linguaxe universal que conecta con sociedades moi diversas. Ter a Roger Salas connosco foi unha fortuna. O seu carisma e capacidade para debullar a historia do ballet e a arte contemporánea resultan fascinantes. Agradecemos a súa visita e a súa disposición para compartir os seus coñecementos cos cidadáns de Boiro. Esperamos que sexa o primeiro de moito encontro”, afirmou María Eugenia Alcalde, presidenta da Fundación Alcalde Varela.

O encontro concluíu coa entrega, por parte da Fundación Alcalde Varela ao Concello de Boiro, dunha acuarela inspirada na danza, obra do artista plástico galego Xoaquín Chaves, nado en 1959 en Vilaxoán (Pontevedra). A obra entregouse como mostra de agradecemento polo labor e o compromiso do Concello coa cultura e a danza ao longo deste mes de setembro.

Roger Salas reside en Europa desde 1982, primeiro en Milán e, desde 1984, en Madrid. Crítico de danza e ballet de El País, onde exerce desde hai 42 anos, é tamén correspondente en España de Ballet2000 e colaborador de Scherzo e Excelentia.

Desenvolveu unha ampla traxectoria vinculada á historia, á crítica e á creación escénica. Foi asesor executivo de danza do Ministerio de Cultura e co-director do Festival Madrid en Danza (1989–1992), e entre 2017 e 2020 dirixiu a área de Danza do Auditorium de Roma e o Festival Equilibrio.

Profesor fundador do mestrado do Instituto Complutense de Ciencias Musicais, publicou dez libros, sete deles dedicados á danza e ao ballet, e realizou traballos de escenografía e vestiario para teatros e compañías de Europa e América.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.