
O Concello de Boiro vén de pór en marcha un sistema de alertas en dispositivos móbiles para situacións de emerxencia ou acontecementos que requiran avisar á veciñanza de xeito directo e eficaz. A implantación desta ferramenta realizouse co financiamento da Deputación da Coruña a través do POS+ para gastos sociais extraordinarios.
Segundo explica o Concello, este sistema vai permitir establecer unha vía de comunicación directa coa cidadanía para poder facer chegar de xeito inmediato avisos e información relevante ante situacións que poidan afectar á seguridade, á mobilidade ou ao normal desenvolvemento da vida cotiá en casos de emerxencia.
A ferramenta está pensada para casos de incendios forestais ou industriais, episodios meteorolóxicos adversos, situacións de risco ou emerxencia sanitaria como a vivida durante a COVID-19. Mediante este sistema, que permite enviar mensaxes aos dispositivos móbiles, a veciñanza afectada poderá coñecer de xeito rápido e preciso o que está a acontecer.
Con este sistema o que se busca é mellorar a capacidade de resposta do Concello e reforzar o traslado de información á veciñanza en casos de emerxencia.



