- Uns 300 asistentes de toda Galicia déronse cita este martes en Santiago nun encontro articulado arredor de testemuños persoais sobre educación, acompañamento hospitalario e vida rural
- O acto serviu tamén para mirar cara ao Ano Santo Compostelán 2027 cunha entrevista ao arcebispo Francisco José Prieto e a proxección do vídeo oficial

As cinco dioceses galegas —Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo— presentaron este martes en Santiago de Compostela a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025. O acto, celebrado no Hotel Oca-Porta do Camiño diante duns 300 asistentes chegados de toda a xeografía galega, puxo o foco nas experiencias persoais para render contas do destino dos recursos recibidos e agradecer a colaboración de quen sostén a misión da Igrexa na comunidade.
Conducido pola xornalista Paula Pájaro e co acompañamento musical da artista cerquedense Icía Varela, o encontro estruturouse en tres bloques temáticos introducidos por vídeos con fragmentos dos discursos pronunciados polo papa León XIV durante a súa visita a España.
Educación e transmisión da fe Baixo a pregunta «Como anunciamos hoxe a Xesucristo?», o primeiro bloque centrouse no labor educativo e na pastoral xuvenil. Nel participaron Gadea González, moza voluntaria da Pastoral Universitaria de Santiago; Manuel Constenla, director do colexio diocesano María Inmaculada de Silleda; e Francisco Barros, representante de Escolas Católicas, quen puxeron en valor a achega da educación católica ás familias e á sociedade.
Acompañamento nos hospitais O segundo tramo («Como facemos presente o amor de Cristo xunto a quen máis sofren?») abordou o servizo relixioso hospitalario. María Dolores Mascaro, voluntaria de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol, e Francisco Javier Puente, director da Área Sanitaria de Vigo, compartiron a súa visión sobre o acompañamento espiritual ás persoas enfermas e a estreita colaboración entre o voluntariado, os capeláns e os profesionais sanitarios.
Comunidades vivas no rural A terceira cuestión («Como construímos unha Igrexa que sexa comunidade e xere esperanza?») puxo o foco no sostemento da vida parroquial nun territorio marcado pola dispersión poboacional e o envellecemento. Jesús Fernando Ramos, párroco da Unidade Pastoral Virxe do Carme de Tordoia-Cerceda, e Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle (Ourense), achegaron o seu testemuño sobre o papel imprescindible dos laicos nas parroquias rurais.
Horizonte Ano Santo 2027 Na recta final do encontro, o protagonismo trasladouse ao próximo Ano Santo Compostelán de 2027 mediante a proxección do seu vídeo oficial e unha entrevista ao arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, quen detallou o espírito de acollida aos peregrinos que prepara a Igrexa galega.
O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, foi o encargado de clausurar a xornada en representación dos prelados da Provincia Eclesiástica de Santiago.





