
O alcalde de Ames, Blas García, recibiu esta mañá ao alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, para presentarlle o servizo de conciliación da rede municipal de comedores escolares, que leva en funcionamento máis de 20 anos, desde o curso 2005-2006. En primeiro lugar, a concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez, realizou unha presentación na Casa do Concello, e de seguido visitaron a Cociña central e maila cociña de intolerancias que está situada na EEI do Milladoiro, para abordar a orixe e funcionamento destas instalacións municipais, que comezaron a funcionar no curso 2025-2026.
Na visita participaron o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, a concelleira de Política Social de Rianxo, Ana Vidal, as concelleiras do PSdeG-PSOE de Rianxo, Tamara García e Dolores Piñeiro, e tres representantes das ANPAS de Rianxo.
Como anfitrións exerceron o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez, que foron os encargados de explicarlles o modelo da rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas. Blas García destacou que “o 20% do presuposto municipal, que ascende a 33 millóns de euros, están dedicados á educación. Isto é unha clara mostra da importancia que ten esta área para nós como goberno. Somos un referente no servizo de alimentación e na atención e coidado dos nenos e nenas. Temos máis de 20 anos de experiencia neste servizo, comezamos atendendo a 300 usuarios e agora estamos atendendo a case 1.500 nenos e nenas con menús saudábeis”.

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, dixo “no ano 2024 puxemos en funcionamento o Rianxo Madruga, un servizo de conciliación para as familias traballadoras de Rianxo dende dúas horas antes do inicio da xornada escolar. Ademais, creamos tamén novos servizos para ofrecer unha alternativa durante todos os días non lectivos do curso escolar. Hoxe destinamos algo máis de 110.000 euros a sufragar todos estes servizos. En relación a isto, o vindeiro luns abriremos o prazo para facer as solicitudes de cara ao servizo de conciliación que habilitamos para o Nadal”.
Engadiu que a maiores creamos as primeiras axudas municipais destinadas a apoiar as actividades impulsadas polas anpas dos centros escolares rianxeiros. Son estas entidades as que levan a cabo na actualidade un traballo fundamental para ofrecerlles ás diferentes familias actividades fóra da xornada escolar. O reto que temos por diante é o de seguir mellorando e fortalecendo o sistema actual, así como a incorporación ao mesmo do servizo de comedores”
Servizos complementarios educativos e de conciliación
A concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez, foi a encargada de facer a presentación dos servizos complementarios educativos e de conciliación e especialmente da rede municipal de comedores escolares. A concelleira explicou que “este servizo municipal ten un dobre obxectivo, a conciliación familiar e educar en hábitos saudábeis, xa que os menús están elaborados pola técnica municipal en nutrición. Como proxecto educativo o seu obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios saudábeis e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas e hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade”.
En primeiro lugar, realizouse unha cronoloxía sobre os avances nos servizos complementarios educativos e de conciliación postos en marcha polo Concello de Ames. Deste xeito, explicou que en 2004 naceu a primeira Escola de Verán; en 2005 creouse o servizo municipal de comedores escolares; en 2007 amplíase o servizo cos programas Bos días cole e Tardes divertidas; en 2009 incorporase ao persoal municipal unha técnica en nutrición para adaptar os menús aos usuarios e usuarias dos comedores escolares; e 2011 faise a implantación dos lúdicos durante todo o ano (Ames concilia 365 días).
Ademais, en 2011 aplícase a Administración Electrónica aos programas de conciliación; en 2019 chegan os servizos de conciliación ás escolas unitarias; en 2024 actualízanse as ordenanzas e regulamentos dos servizos complementarios educativos e de conciliación; e en 2025 ponse en marcha a cociña central.
O Concello de Ames dispón dunha cobertura dos 365 días do ano a través dos servizos complementarios educativos e de conciliación. Isto faise a través da Rede municipal de comedores escolares, Bos día cole e Tardes divertidas durante o período escolar lectivo, e a través dos programa lúdicos (Nadal Lúdico, Entroido Lúdico, Primavera Lúdica e Setembro Lúdico) e da Escola de Verán que funciona durante os meses de xullo e agosto.





