
O Concello de Boiro habilitou na páxina web municipal un mapa interactivo para coñecer os distintos investimentos que se teñen realizado nos distintos núcleos do termo municipal. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Administración Xeral, Raúl Treus, presentaron hoxe o a nova aplicación.
Explicaron que nova ferramenta dixital permite coñecer as actuacións e os proxectos executados, así como consultar información sobre os seus importes, anualidades e fontes de financiamento.
“O Concello de Boiro conta cunha oficina de subvencións mediante a que se xestionan arredor de 2,5 millóns de euros anuais de fondos doutras administracións e esta ferramenta serve para publicitar tamén esas contribucións”, afirmou o concelleiro Raúl Treus.
Trátase dun mapa dixital que recolle información dos proxectos e actuacións municipais, a través do que as persoas usuarias poden localizar os proxectos no mapa e acceder á información detallada de cada actuación, incluíndo aspectos como a súa denominación, categoría, ano de execución, importe total, orzamento subvencionábel e entidades ou administracións participantes no seu financiamento.
O mapa incorpora, ademais, diferentes opcións de busca e filtros que permiten consultar os datos por tipoloxía de actuación, anualidade ou fondo de financiamento, así como localizar proxectos concretos por nome, parroquia ou entidade.
Mediante esta iniciativa o Concello de Boiro quere avanzar en transparencia e información á cidadanía, facilitando que calquera persoa poida consultar as actuacións que se realizaron no seu entorno.
“É unha ferramenta innovadora e de gran utilidade para que a veciñanza poida coñecer o que se está a facer en todo o municipio, rompendo ese mito de que só se fan obras nos núcleos grandes”, recoñeceu o alcalde.





