A Deputación destina 3,1 millóns a axudas a entidades culturais no 2027

26 Novembro 2026

A Deputación da Coruña vai destinar un total de 3,1 millóns de euros no exercicio 2027 ao financiamento de proxectos e melloras do tecido asociativo e cultural da provincia. Este investimento distribúese en cinco liñas de subvencións da área de Cultura que financian entre o 20% e o 80% do orzamento subvencionábel de cada actuación, cun prazo de solicitude que permanece aberto ata as 14:00 horas do vindeiro venres 18 de decembro de 2026.

A deputada de Cultura, Natividade González, explicou que este orzamento de 3,1 millóns de euros responde á vontade da Deputación de apoiar de maneira estábelo tecido asociativo da provincia. Segundo indicou, “estas cinco liñas de axudas permiten que as entidades locais poidan planificar con garantías a súa programación anual e mellorar as súas infraestruturas e equipamentos, algo imprescindíbel para manter a actividade cultural en todos os concellos, especialmente nos máis pequenos”.

González puxo tamén o foco no papel das agrupacións de música e baile tradicional, das corais, das bandas e dos museos e fundacións da provincia, subliñando que “o traballo diario de base que realizan estas asociacións non só dinamiza a vida social das nosas vilas e parroquias, senón que resulta fundamental para garantir a transmisión do patrimonio cultural e o uso normal da lingua galega en todos os ámbitos”.

A maior partida económica corresponde ao programa de organización de actividades por parte de entidades sen fins de lucro (FO203/2027), dotado con 1.200.000 euros. Esta liña concede axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para asociacións culturais, e de ata 10.000 euros para entidades veciñais, de tempo libre, pedagóxicas, sociais e asistenciais. Para complementar este apoio, o programa FO204/2027 achega outros 525.000 euros destinados a investimentos culturais (reformas de locais en propiedade ou cesión mínima de dez anos, mobiliario, equipos informáticos e material técnico), con contías individuais que van dos 3.000 aos 15.000 euros e ás que tamén poden optar fundacións, entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e asociacións sectoriais.

No ámbito das institucións museísticas, bibliotecarias e de representación sectorial, o programa reserva 650.000 euros para financiar actividades culturais. As subvencións desta liña sitúanse entre un mínimo de 5.000 euros e un máximo de 30.000 euros, e están dirixidas tanto a fundacións públicas e privadas (non instrumentais) e titulares de museos, bibliotecas ou centros de interpretación como a asociacións de representación colectiva profesional e amadora da cultura galega.

O investimento provincial complétase con 725.000 euros repartidos en dúas convocatorias específicas para corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato (orquestras sinfónicas e de cámara con máis de 30 integrantes). Por unha banda, o programa FO213/2027 conta con 500.000 euros para actividades culturais e escolas de música, con axudas de entre 1.500 e 30.000 euros. Pola outra, o programa FO214/2027 dispón de 225.000 euros para investimentos destas agrupacións, como obras nos locais sociais, instrumentos, vestiario ou partituras, outorgando achegas de entre 1.500 e 15.000 euros.

Outros artigos

Noia alzou a voz contra a violencia machista

Na mañá deste mércores 25 de novembro, o alumnado dos centros educativos de Noia foi protagonista da lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A axenda deste mércores deu comezo ás 11.45 coa lectura da...

+

Ribeira suma unha nova veciña centenaria: Rosa Dios Cores

Rosa Dios Cores soprou onte o número 100 para converterse nunha nova veciña centenaria de Ribeira. A alcaldesa, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, desprazáronse ata o domicilio familiar da parroquia de Oleiros para compartir tempo nun...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...