
Rosa Dios Cores soprou onte o número 100 para converterse nunha nova veciña centenaria de Ribeira. A alcaldesa, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, desprazáronse ata o domicilio familiar da parroquia de Oleiros para compartir tempo nun día tan especial e agasallala cun ramo de flores e unha figura dunha pescantina.
“É unha ledicia ver a cantidade de veciños e veciñas centenarias que temos en Ribeira, pero, sobre todo, é unha marabilla ver esa vitalidade da que gozan coa súa idade e a alegría. Pasar tempo con eles, escoitar as súas anécdotas, aprender da súa sabedoría é todo un agasallo dun valor incalculable. Foi todo un pracer cantar con Rosa e poder botar aínda un baile”, declarou a rexedora.

Natural da Illa de Arousa comezou dende moi pequena a traballar no mundo do mar, pasando por profesións como mariscadora, peixeira, traballadora da conserva e redeira. Estableceu contacto con Ribeira a través da súa profesión, pois vendía peixe de barcos da localidade; unha relación co municipio que transcendeu ao ámbito persoal e no que reside nos últimos anos xunto ao seu fillo e nora.
Agora desfruta de pasar tempo en familia, especialmente, das visitas de seus netos e tamén de cantar, pois continúa con ese carácter alegre que sempre tanto a caracterizou. Para ela, o segredo da lonxevidade reside en “deitarse cedo, levantarse cedo e comer moito peixe”.





