
A Semana Musical de Noia vaise celebrar esta finde, entre este xoves 19 e o domingo 22 de novembro, con actuacións ás 20.30 horas no Coliseo Noela en todas as xornadas marcadas.
A axenda, impulsada pola Coral Polifónica de Noia en colaboración co Concello e a Deputación, arrinca este xoves 19 cunha actuación do Grupo Vocal e Instrumental Atlántico.
O venres 20 de novembro será a quenda do alumnado do Conservatorio de Música Felipe Paz Carbajal de Noia.
O sábado 21 de novembro actuarán no Coliseo Noela (ás 20.30 horas) a Coral Polifónica Abraira (Asados-Rianxo), Coral Polifónica San Blas de Budiño (O Porriño) e Coral Polifónica de Noia.
O domingo 22 está previsto o espectáculo Un viaje en voz, un concerto no que o público poderá desfrutar da espectacular voz do solista Anxo, acompañado ao piano por Juan Manuel Varela Louro.
Ademais, o domingo 22, ás 19:30 h, celebrarase na igrexa de San Martiño a tradicional misa na honra de Santa Cecilia, cantada pola Coral Polifónica de Noia e o solista Anxo.
Desde o Consistorio agradecen a implicación cultural da Coral Polifónica de Noia, organizadora da Semana, “que leva tantos anos enriquecendo a vida cultural da nosa vila”, salientou o Concello, engadindo que “o seu traballo, dedicación e compromiso coa música fan posíbel que esta Semana Musical siga sendo, edición tras edición, unha cita clave no calendario cultural noiés”.



