
O CEIP de Louro (Muros) estará presente na xornada estatal da Semana Europea da Robótica, Robota: Cultura robótica, que se celebra por primeira vez en Galicia os días 26 e 27 de novembro, no CIFP Politécnico de Santiago.
A docente Silvia Pérez Madariaga intervirá o xoves 26, ás 16.00 horas, na mesa Boas prácticas docentes: experiencias innovadoras en Polos Creativos, xunto a profesorado do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o CPI de Atios de Valdoviño e o IES Miraflores de Oleiros.
A mesa estará moderada por Conchi Fernández Munín, do programa Polos Creativos da Consellería de Educación, e ao remate entregarase o Selo de Calidade en Robótica Educativa.
A Xornada HispaRob Robota: Cultura robótica é o encontro anual co que a Plataforma Tecnolóxica Española de Robótica (HispaRob) se suma á European Robotics Week, a principal campaña europea de divulgación en robótica.
O xoves está dedicado ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria; a mañá do venres, a profesionais da robótica, bacharelato, FP e universidade, e a tarde do venres, de 17.00 a 19.00 horas, ás familias e ao público en xeral, cunha feira gratuíta de experimentación e robótica.
A Plataforma Tecnológica Española de Robótica, HispaRob, agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. É coordinadora nacional da European Robotics Week, promovida por euRobotics, e membro da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.



