Unha trintena de centros escolares públicos e privados galegos recibiron onte, mércores, cadanseu correo electrónico con esta expresiva mensaxe: “Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio”. Con educación e perfecto castelán, mais cun ton ameazante indubidable que descualifica a quen queira que sexan os autores. E dígoo en plural porque me custa traballo pensar que esta barbaridade poida ser da autoría exclusiva dunha persoa. Tamén coido que os que levaron a cabo tal acto de loucura, semellante estupidez, non son pais de ningún dos centos de alumnos deses centros ameazados. De ser todo o contrario, os autores serían merecentes dun severo castigo. Deses que non se esquecen con facilidade. Porque as ameazas atinxían a menores de idade, a cativos que quen sabe o medo que pasaron, inocentes eles que, sen embargo, souberon desde un principio que non se trataba dun xogo nin dun simulacro de abandono do colexio ou instituto. Foi, para a cativada, un mal “trago”: sair das aulas á presa, sen prendas de abrigo nin medio para se amparar da choiva, ordenadamente, sen paranza e tampouco explicacións para as súas mentalidades, lóxicas.
Pode estar na manobra un pai?. Que diría este de figurar un fillo entre os alumnos afectados?. Culparía ao profesorado, aos políticos, aos servizos policiais, aos seus compañeiros de tute?.. á sociedade?. Riríase da que non foi máis ca unha falsa alarma?.
Canto darían os familiares deses centos de alumnos se as forzas policiais deran cos responsábeis dese truculento xogo que non ten outro obxectivo que amedrentar a unha manchea de nenos e os seus pais e profesores. Para acadar que, malas bestas?.
Sí, escribo desde a indignación e sen que ningún familiar directo se vise afectado polo que nunca -ágás no cine- cheguéi a cavilar poidera pasar “nesta España miña; nesta España nosa” á que cantaba a finada Cecilia.
Fáiseme moi duro crér que unha persoa cabal poida perpetrar unha semellante acción para NADA.



