O Campo de Cadreche acollerá este sábado o I Torneo F11 ‘Ría de Arousa’ de fútbol feminino cadete

O campo de fútbol de Cadreche converterase este sábado, 21 de xuño, no escenario do primeiro Torneo F11 ‘Ría de Arousa’ de fútbol feminino cadete, unha cita pioneira na comarca. O evento, organizado polo Puebla C.F. e o Atlético Arousana, conta coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e reunirá a preto dunha decena de equipos procedentes de diferentes puntos de Galicia.
Durante a presentación oficial, confirmouse que se trata do primeiro torneo de fútbol feminino da súa categoría que se celebra na comarca, promovendo a participación e a visibilidade das xogadoras máis novas. O torneo reunirá clubs da contorna e doutras zonas como O Salnés, así como das comarcas da Coruña e Vigo.
Presentación institucional
O acto de presentación tivo lugar na Casa do Concello da Pobra, coa participación do alcalde, José Carlos Vidal; o presidente do Puebla C.F., Nelson Barreiro Mouro; o director deportivo, José Francisco Cores; e o vogal do club, Nelson Barreiro Pimentel. En representación do Atlético Arousana asistiron a tesoureira, Carolina Baños; a secretaria, Zaida Aido; e a xogadora Paula Barreiro. A presentación contou tamén coa presenza especial de Paula Novo Saborido, do R.C. Deportivo da Coruña, quen actuará como madriña desta primeira edición.
O alcalde e os representantes municipais felicitaron a ambos os clubs pola iniciativa e destacaron a importancia deste tipo de eventos para “impulsar a práctica do fútbol entre nenas e rapazas”. Agardaron tamén que “esta primeira edición sexa só o comezo dunha longa traxectoria”.
Cronograma do torneo
O Torneo F11 ‘Ría de Arousa’ desenvolverase ao longo de toda a xornada do sábado, coa participación dos seguintes equipos:
- E.F.F. Sonnoia Portus Apostoli (Noia)
- S.D.C. Órdenes (Ordes, A Coruña)
- A.D. Nicrariense (Negreira)
- S.D. Xuventú Aguiño (Ribeira)
- Atlético Arousana (Vilagarcía de Arousa)
- Sárdoma C.F. (Vigo)
- Sporting Cambre (Cambre, A Coruña)
- Sporting San Mateo (Ponteareas)
- Caldas C.F. (Caldas de Reis)
Os equipos estarán divididos en dous grupos, A e B. Os encontros desenvolveranse pola mañá e pola tarde:
- Mañá: de 9:30 a 13:30 horas
- Tarde: de 15:00 a 18:00 horas
As semifinais comezarán ás 18:30 h, cun enfrontamento entre o 1º clasificado do grupo A e o 2º do grupo B, e outro entre o 1º do grupo B e o 2º do A. Os equipos perdedores xogarán polo terceiro e cuarto posto, mentres que a gran final está prevista para as 20:00 h.
A xornada culminará coa entrega de trofeos, programada para as 20:45


