
O Goberno Vasco vén de mercar ao fondo de investimento Blackstone unhas 510 vivendas con destino a alugueiros sociais para familias vulnerables. Estas noticias son as que realmente contribúen ao cumprimento do Dereito á Vivenda, recollido no artigo 47 da Constitución Española, e das que deberían tomar nota outras comunidades autónomas como a Xunta de Galicia, no canto de pensar en construír e construír sen límite para que logo caian en mans dos de sempre.
En España, como noutros moitos países de Europa, vivimos nunha auténtica emerxencia habitacional, porque todo se deixa en mans da lei da oferta e demanda e iso prexudica ás persoas e familias máis vulnerables que non poden facer fronte a rendas tan elevadas como as que actualmente se estableceron, por parte dalgúns propietarios avarentos e especuladores, que as diferentes Administracións Públicas deberán poñer freo, ao estar a falar dun ben de primeira necesidade.
Non pode ser que unicamente dúas cidades galegas, como Santiago e Coruña, fosen declaradas como zonas tensionadas en materia de vivenda. O problema xa está na maioría dos pobos e cidades das provincias de Pontevedra e A Coruña. A Xunta de Galicia continúa mirando para outro lado para que sigan enriquecéndose uns poucos á conta do traballo honrado de moitas miles de familias da nosa terra.
Hai persoas vivindo en habitacións, sen apenas ventilación; en caravanas ou tendas de campaña; amoreados en pisos compartidos; en hostais; nas casas dos seus pais ou avós, en todos os casos pola inhumana e depredadora especulación inmobiliaria.



