
A Carballeira de Caldas de Reis acolleu este mércores o segundo Living Lab do proxecto europeo TRAP (Transforming Rivers by Reducing Aquatic Plastic Pollution), unha iniciativa transnacional co-financiada polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea que busca desenvolver e probar solucións baseadas na natureza para reducir a contaminación por plásticos nos ríos antes de que cheguen ao océano Atlántico.
A xornada reuniu representantes das administracións públicas, empresas e comunidade educativa, xunto con 36 nenos e nenas do CPI Alfonso VII, nun encontro centrado na sensibilización ambiental e na protección do río Umia, seleccionado en Galicia como territorio de intervención do proxecto. Ao longo da mañá, o alumnado participou en xogos e dinámicas para coñecer a biodiversidade dos ríos e reflexionar sobre a importancia de reducir os residuos plásticos.
A actividade completouse cunha recollida de residuos na ribeira do Umia e coa plantación de especies autóctonas. En total, recolléronse residuos nas ribeiras do río e plantáronse diversas especies autóctonas, como ameneiros, salgueiros e carballos, coa participación de 50 persoas.
A través destas accións, a entidade Amicos (asociación inclusiva do Barbanza) busca achegar o coidado do medio natural ás novas xeracións e fomentar a súa implicación na protección dos ecosistemas fluviais. A xornada tamén permitiu compartir experiencias e poñer en valor a participación das persoas con discapacidade intelectual como activistas ambientais.
Para Xoán España, director xeral de Amicos, “protexer os nosos ríos require a colaboración de toda a sociedade. Con TRAP queremos sumar esforzos coas
administracións, as empresas, os centros educativos e a cidadanía para buscar solucións que contribúan a reducir a contaminación por plásticos. Tamén queremos seguir demostrando que as persoas con discapacidade teñen un papel activo e fundamental neste compromiso colectivo, actuando como activistas medioambientais e axentes sensibilizadores”.
Un Living Lab para construír solucións desde o territorio

O Living Lab do río Umia é un espazo de traballo colaborativo no que participan administracións públicas, centros educativos, empresas e outros axentes locais. O proxecto busca incorporar o coñecemento e as necesidades do territorio ao seu desenvolvemento.
No marco de TRAP, no que Amicos lidera o proxecto piloto no río Umia, contémplase a instalación de barreiras vexetais e estruturas biodegradábeis de retención para avaliar a súa eficacia na captura de plásticos en distintos ríos de Europa. A entidade tamén facilita a colaboración coas administracións públicas para favorecer a aplicación destas medidas e a súa integración nas estratexias locais de xestión ambiental.
Sara Mejuto, responsábel de proxectos europeos de Amicos, destaca que “o Living Lab permítenos traballar directamente coas persoas e entidades que coñecen o territorio, escoitar as súas necesidades e compartir coñecementos. A súa participación é fundamental para desenvolver solucións que respondan á realidade do río Umia”.
As persoas con discapacidade intelectual, activistas ambientais
Un dos elementos diferenciadores de TRAP é o papel das persoas con discapacidade intelectual, que participan como activistas ambientais e colaboran na posta en marcha e no seguimento das solucións técnicas do proxecto. Ademais, desenvolven accións de sensibilización para achegar o coidado do medio natural á cidadanía e, especialmente, ás novas xeracións.
Antonio, activista ambiental da asociación, participou na xornada compartindo as actividades cos escolares: “Gústame moito participar nestas actividades cos nenos e nenas. Unha das miñas favoritas é a recollida, porque ves como os rapaces se animan moitísimo e descobren da nosa man como separar cada residuo. Creo que é importante aprender desde pequenos a coidar os ríos e non tirar lixo na natureza”.
A súa participación reflicte o compromiso de Amicos coa inclusión e coa creación de oportunidades para que as persoas con discapacidade intelectual poidan contribuír activamente á protección ambiental.Sobre o proxecto TRAP.
TRAP é un proxecto transnacional co-financiado polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea. Liderado polo Instituto Superior Técnico de Lisboa, reúne nove entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda para desenvolver e probar solucións innovadoras baseadas na natureza que permitan reducir a contaminación por plásticos nos ríos antes de que cheguen ao océano Atlántico. En Galicia, Amicos coordina o Living Lab do río Umia, lidera o proxecto piloto neste territorio e promove a participación das persoas con discapacidade intelectual como activistas ambientais.
O encontro dá continuidade ao primeiro Living Lab celebrado o 27 de maio en Exposalnés, Cambados, no que representantes de administracións públicas, centros educativos, empresas e outros axentes sociais identificaron necesidades e posáreas de intervención para avanzar na protección do río Umia. Con este segundo encontro, Amicos continúa impulsando a colaboración entre os diferentes axentes do territorio para avanzar na loita contra a contaminación por plásticos e promover unha maior conciencia ambiental.



