O Obradoiro de Emprego Tahume XI celebra as súas IV Xornadas de Emprendemento

27 Novembro 2026

A Casa de Cultura de Xuño, sede das aulas do Obradoiro de Emprego Tahume XI, acolleu onte a cuarta edición das Xornadas de Emprendemento, unha iniciativa formativa dirixida ao alumnado das especialidades de carpintería e forestal e integrada no módulo transversal CTRE003 Asesoramento para a Xestión de Empresas. Como lembraremos, Tahume XI é unha iniciativa de formación práctica e inserción laboral impulsada polos Concello do Porto do Son e Ribeira.

A xornada desenvolveuse ao longo da mañá a través de tres sesións impartidas por profesionais de entidades especializadas, co obxectivo de achegar ao alumnado diferentes modelos de emprendemento, coñecer experiencias empresariais reais e identificar ferramentas e recursos útiles para afrontar a posta en marcha dunha actividade profesional por conta propia.

A primeira intervención correu a cargo de Elsa Grille, de PEFC Galicia, que abordou a importancia dos montes sostíbeis e da certificación PEFC, explicando as vantaxes e utilidades deste selo como instrumento de recoñecemento e garantía dunha xestión forestal responsábel.

A continuación, Rosa Álvarez, técnica de EspazoCoop, presentou o cooperativismo como unha fórmula para emprender no ámbito da economía social. A sesión combinou explicacións teóricas con dinámicas participativas sobre os principios, valores e modalidades cooperativas, así como os recursos de apoio ao emprendemento cooperativo.

A parte práctica contou coa participación de Rigoberto Pedroso, socio fundador de Espacios Verdes Sociedade Cooperativa Galega, cooperativa de traballo asociado dedicada aos servizos de xardinería e situada en Boiro. Pedroso compartiu a experiencia de creación da entidade, que naceu tras a participación dos seus socios nun obradoiro municipal de emprego de xardinería. Mostrou ao alumnado como a formación e a adquisición de competencias profesionais poden servir de punto de partida para impulsar un proxecto empresarial colectivo.

A última sesión foi impartida por Rafa, técnico asesor da Fundación Ronsel, e centrouse nos aspectos básicos da legalidade e do financiamento empresarial. Mediante dinámicas grupais e actividades participativas, traballáronse coñecementos e habilidades necesarias para iniciar e desenvolver un proxecto empresarial. Ademais, presentouse o servizo gratuíto de asesoramento empresarial que a Fundación Ronsel presta nos concellos de Porto do Son e Ribeira, cunha atención mensual e acompañamento a persoas interesadas en emprender, incluídos programas de mentoring.

As xornadas enmárcanse na formación transversal que recibe o alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume XI e pretenden complementar a capacitación profesional das dúas especialidades con coñecementos que favorezan a súa incorporación ao mercado laboral. Ao mesmo tempo, buscan achegar recursos que permitan identificar oportunidades e valorar alternativas de emprendemento con maior autonomía unha vez finalizado o período formativo.

Desde o Obradoiro de Emprego Tahume XI agradécese a colaboración de PEFC Galicia, EspazoCoop e Fundación Ronsel, así como a participación de Rigoberto Pedroso e das persoas profesionais que contribuíron ao desenvolvemento desta xornada.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Una alternativa a las residencias” – Manuel Domínguez

“Una alternativa a las residencias” – Manuel Domínguez

Una alternativa a las residencias. Puede ser la historia de Benito, Matilde, Juan y Ana u otros. Vives solo sin gato, ni perro que te ladre, la soledad de una manera o de otra mata. Tienes piso, o lo tiene el otro, o ninguno, sois amigos desde la infancia, o desde...

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...