
Escolares de Primaria de Ribeira participan dende o 16 de novembro e ata o 3 de decembro na actividade Xoga ao Baile Deportivo, impulsado por Taller Alecrín coa colaboración do Concello; unha proposta que ten como obxectivo impartir unha serie de clases nas modalidades de baile estándar (valse inglés e valse vienés) e latino (rumba e cha-cha-chá), así como un simulacro de competición. A iniciativa desenvólvese nas aulas de Educación Física como parte da programación da materia en relación coa expresión corporal e o ritmo.
Nesta primeira edición sumáronse o CEIP de Artes, o CEP de Carreira, o CEIP de Frións, o CEIP O Grupo e o CEIP de Palmeira, o cal se traduce en que participarán cerca de douscentos escolares de 4o de Primaria.
A concelleira de Educación, Nucha Brión, quixo comprobar o transcurso dunha das clases para comprobar a percepción por parte da rapazada, pois considera que “é unha maneira máis de facer exercicio físico, ademais de vehículo de expresión”.
Esta será a primeira das tres unidades que Taller Alecrín ten pensado desenvolver no futuro ata completar o ciclo con dez bailes.






