
O músico galego Javier Lago continúa a presentación en directo das novas composicións que forman parte da segunda entrega da súa EP Chacal. Tras o arranque da súa xira de outono, a seguinte parada terá lugar este sábado 24 de outubro ao 21.30 h na Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro, A Coruña).
Lonxe da inmediatez dixital, o artista quixo apostar firmemente polo escenario como o hábitat natural para bautizar os seus novos temas. Así, quen acuda á cita na Pousada terán a oportunidade de escoitar en exclusiva as cancións de Chacal, Pt. 2 semanas antes de que o seu primeiro adianto oficial, titulado Siempre, a veces, sexa publicado en plataformas dixitais o próximo 5 de novembro.
Para este concerto en Boiro, Javier Lago estará arroupado pola súa banda ao completo nun show de corte eléctrico e enérxico, onde combinará a súa coidada sensibilidade lírica con composicións orgánicas e potentes texturas sonoras.
O directo reservará ademais un momento moi especial coa aparición sorpresa de Carla Lourdes, quen se sumará sobre o escenario a Javier Lago para interpretar xuntos en directo San Sebastián, a colaboración incluída na primeira entrega de Chacal que xa acumula miles de reproducións.
A velada completarase coa actuación do músico e compositor Santi Araújo, sumando a súa proposta ao cartel nunha noite de dobre concerto na sala boirense.
As entradas para a cita deste sábado na Pousada da Galiza Imaxinaria xa están dispoñíbeis á venda.



