Os nosos concellos celebran o Día de Rosalía en clave poética, feminista e gastronómica

24 Febreiro 2020

A nosa comarca celebra hoxe, 24 de febreiro, algo máis que o Entroido: celebra a importancia cultural, social, histórica, poética e igualitaria de Rosalía de Castro. E faino este 24 (data do nacemento da poeta galega en 1837) cun completo programa de actividades que rebordan a xornada e caen noutros días sinalados deste mes de febreiro.

É o caso de Ribeira, que xa adiantou os actos de celebracións para que coincidiran coa actividade escolar e acadar así a máxima implicación dos centros docentes (uns actos nos que participaron máis de 500 nenas e nenos de Primaria e que viñeron acompañados da obra de teatro Rilla Rilla, a cargo de Xarope Lulú, lecturas de poemas e cancións) e Rianxo, que artellou o programa conmemorativo en dúas xornadas: a de hoxe (cun Caldo de Gloria que se pode degustar nunha manchea de locais da vila e a súa contorna) e a do 27 de febreiro (con reparto de poemas nos locais, celebracións na praza de Padrón a partir das 10.30 horas, ofrendas florais e lecturas e música a cargo do alumnado do IES Félix Muriel).

Polo que se refire á Pobra, tamén ofreceu un programa conmemorativo ao que lle quedou pequena a xornada de hoxe, 24 de febreiro. Os actos foron impulsados pola asociación Arrancadeira e o Concello e concentráronse neste domingo 23, no Cantón da Leña, onde se degustou o tradicional Caldo de Gloria (inspirado no poema Miña casiña, meu lar, onde a autora explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia) e acompañáronse as homenaxes de música e baile tradicional, coa participación de Argalleiros de Santiago.

Hoxe procederase na Pobra ao desenvolvemento dun acto institucional no que se efectuará a lectura dun manifesto e ofrenda floral na praza de Rosalía de Castro, a partir das 13.00 horas.

Polo que respecta ao concello que conecta O Barbanza coa contorna do Sar, o concello de Dodro, tamén informou os días pasados dun destacado programa de homenaxes, que se desenvolveu a fin de semana e que culmina hoxe, 24 de febreiro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...