O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, asistiu á Xura de Bandeira dos aspirantes de primeiro da escala de oficiais e entrega de Reais Despachos aos novos oficiais, que se celebrou na localidade pontevedresa de Marín, e que presidiron as Súas Maxestades os Reis de España.

O rei Filipe VI presidiu este martes na Escola Naval Militar en Marín a entrega de despachos aos novos oficiais da Armada e fixo acompañado, ademais de pola Raíña Letizia, pola Princesa de Asturias.
Esta foi a primeira ocasión en que a Princesa Leonor visitou a Academia de Marín na que a partir da segunda metade de agosto continuará coa súa formación militar, tras completar xa os dous primeiros cursos no último ano na Escola Militar do Exército de Terra en Zaragoza.
Os reis e a princesa Leonor, vestida de uniforme, chegaron pasado o mediodía á explanada da Escola Naval. Trasas honras militares, o himno e o paso de revista, comezou a cerimonia de xura de bandeira dos 76 alumnos do primeiro ano, oito deles mulleres.
Despois, imposición de condecoracións e entrega de despacho aos 111 novos oficiais da Armanda, deles trece mulleres, un alumno do Perú e 10 de Arabia Saudita.
O director da escola deulle a benvida á princesa Leonor á Armada, á que será, dixo, sempre a súa casa.
En Marín atópase precisamente atracado desde hai uns días, antes de regresar a Cádiz, o buque escola Juan Sebastián Elcano, en que a Princesa de Asturias se embarcará a partir do mes de xaneiro no cruceiro de instrución de gardamariñas.
Con iso, a Casa do Rei repetirá a fórmula xa empregada hai un ano, cando a herdeira do trono acompañou a Filipe VI na entrega de despachos na Academia de Zaragoza semanas antes de iniciar alí o primeiro dos seus tres anos de formación castrense, xa que está chamada a converterse en capitá xeral dos Exércitos cando sexa raíña.
Precisamente, a filla maior dos reis recibiu de mans do seu pai o pasado 3 de xullo o despacho de alférez do Exército de Terra na Academia de Zaragoza tras completar a súa instrución nela. Así mesmo, o monarca tamén lle fixo entrega da Gran Cruz do Mérito Militar con distintivo branco.
O acto rematou coa homenaxe aos caídos e co himno da Armada.




