A brigada municipal do Concello de Ribeira levou a cabo traballos de mellora no paseo de Coroso e na céntrica rúa de Lugo, dúas vías moi transitadas por viandantes. As tarefas, desenvolvidas ao longo desta semana, puxeron o foco na reparación das lousas das ditas vías, que estaban levantadas e/ou rotas nalgúns treitos e que, por este motivo, presentaban un problema de seguridade para os cidadáns. Estes traballos, que o Concello encadra na súa estratexia de mantemento de infraestruturas (co fin de garantir as condicións óptimas das mesmas e a meirande seguridade posíbel para viandantes e condutores), sumáronse á limpeza de estradas levada a cabo estes días na parroquia de Oleiros, ás tarefas desenvolvidas para pór a punto as instalacións deportivas de punta Castro (en Castiñeiras) e aos traballos de mellora na Tasca, en Aguiño.



