Nós Pobra reclama ao PSOE completa información sobre a marcha do alcalde ao grupo socialista e pide revisar o pacto de goberno

19 Outubro 2026

O grupo veciñal Nós Pobra compareceu hoxe para saír ao paso das últimas declaracións do actual alcalde José Carlos Vidal (Nós Pobra) logo da confirmación da marcha do rexedor ao grupo do PSdG e dar conta dos pasos que está a dar a asemblea ante a nova situación política municipal. No seu comunicado, Nós Pobra, queren “deixar claro” que Vidal comunicou a súa decisión de non continuar en Nós Pobra e que esta información foi compartida diante das persoas presentes na asemblea do pasado venres 9 de outubro: “Esa mesma noite trasladouno ao resto da organización mediante unha mensaxe de despedida na canle oficial da asemblea, a cal abandonou a continuación, seguidamente fixo o mesmo na canle de coordinación entre a coordinadora e o
goberno”, sinalan, ao tempo que recoñecen que na súa mensaxe empregou “expresións inequívocas” que deixaban claro que se trataba da súa derradeira
xuntanza de traballo con Nós Pobra e que fora aceptada pola súa parte a proposta de integrarse na candidatura do PSOE.

Malia todo isto, no seu comunicado Nós Pobra declara o seguinte: “Logo de todo o declarado, non podemos aceptar agora que se presente aquela comunicación como un simple anuncio de que non repetiría nas próximas listas electorais. Comunicou unha despedida da organización, e así o entenderon as persoas presentes e así quedou recollido na acta. Nós Pobra non decidiu por el, foi José Carlos Vidal quen anunciou a súa marcha. Descoñecemos a que responde que agora sosteña publicamente unha versión distinta. A explicación dese cambio correspóndelle a el e, se procede, á formación coa que anunciou que concorrerá ás próximas eleccións. O que non corresponde é trasladarlle a Nós Pobra a responsabilidade dunha decisión que tomou e comunicou el mesmo. Pola nosa parte, damos por aclarada esta cuestión”.

Engaden que o actual Goberno municipal “constituíuse sobre un acordo entre catro formacións, cunha determinada representación e cun reparto de responsabilidades. A decisión anunciada polo alcalde altera ese equilibrio político. Por tanto, non compartimos que o pacto poida continuar exactamente nas
mesmas condicións, como se nada cambiase. O acordo existente debe ser revisado. Esta revisión non pode limitarse á persoa que ocupa a alcaldía. Debe abordar tamén a organización do Goberno, as responsabilidades de cada parte, os mecanismos de coordinación e os compromisos políticos e programáticos para o que resta de mandato. As condicións acordadas respondían a unha realidade política concreta. Se esa realidade cambia, corresponde sentarse, falar e acordar de novos termos. Non hai razón para considerar intocábel o reparto anterior e dar por feito que Nós Pobra debe aceptalo sen máis”.

No seu comunicado de hoxe, Nós Pobra di que “o pasado 13 de outubro trasladámoslle por escrito a José Carlos a solicitude de renuncia á súa acta de concelleiro e, en consecuencia, á alcaldía. Nese escrito tamén lle lembramos a disposición que manifestara diante da asemblea a facilitar a entrega da acta sempre que iso non abrise a porta a un goberno do Partido Popular. Nós Pobra reiterou nesa comunicación o seu compromiso de traballar por unha alternativa de goberno de esquerdas. A día de hoxe, seguimos sen recibir resposta a ese escrito. Ao mesmo tempo, seguimos a procurar o diálogo coas demais formacións. Neste marco, mantivemos un primeiro encontro co BNG, que valoramos positivamente, constatamos puntos de vista en común sobre o escenario actual, coas diferenzas lóxicas de dúas organizacións diferentes, pero agradecemos a súa disposición ao diálogo e a tender pontes para chegar a acordos”.

A asemblea veciñal solicitou a respecto de todo o acontecido unha reunión ao PSOE, que, ao seu xuízo, “ten unha responsabilidade directa neste novo escenario ao incorporar ao seu proxecto electoral ao alcalde que accedeu ao cargo como representante de NósPobra”. En opinión deste grupo, “o PSOE debe explicar como pretende compatibilizar esa decisión cos compromisos do actual pacto de goberno. Ata este momento, non recibimos resposta. Tamén solicitamos unha reunión a Veciñxs Independentes da Pobra, da que seguimos agardando resposta. Como formación integrante do Goberno, correspóndelle aclarar como valora este cambio e se está disposta a revisar o acordo para dar resposta á nova realidade política. Agardamos que tanto Partido Socialista como Veciñxs Independentes da Pobra comecen a actuar con responsabilidade sen dilatar unhas reunións que son imprescindibles para o funcionamento do
Concello. Cada formación debe asumir a responsabilidade que lle corresponde. A veciñanza merece coñecer a posición de cada unha, a súa disposición para chegar a acordos e como vai cumprir cos compromisos asumidos coas persoas que depositaron nela a súa confianza”.

Nós Pobra celebrará hoxe unha nova asemblea para seguir tomando decisións, tamén sobre as actuacións que “corresponde impulsar para esixir o cumprimento dos compromisos do pacto de Goberno e as responsabilidades de cada formación”.

E conclúen: “Nos próximos días centraremos os nosos esforzos na procura dunha saída á situación actual e de acordos que permitan dar continuidade ás políticas que Nós Pobra defende. Temos un compromiso coa veciñanza que segue plenamente vixente. A asemblea está a traballar para traducilo en iniciativas que melloren a vida das persoas e dean resposta ás necesidades da Pobra. Temos equipo, capacidade e vontade para seguir facendo avanzar este concello, coa forza dun proxecto colectivo que ten presente e futuro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La protesta de los estudiantes franceses”. José Castro López

“La protesta de los estudiantes franceses”. José Castro López

Francia convive cada cierto tiempo con pequeñas revoluciones o estallidos sociales que,aunque comparten escenarios, responden a causas diferentes. Recuerden la revoluciónde Mayo 68 de la que Daniel Cohn-Bendit, uno de sus líderes, dice que entonces losjóvenes eran...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.