
O BNG celebrará este martes 27 de outubro en Boiro o acto A Vivenda É Un Dereito, un encontro aberto á cidadanía para abordar a crise habitacional, analizar as dificultades que afronta cada vez máis xente para acceder a unha vivenda digna e dar a coñecer as propostas e o traballo que a organización nacionalista está a desenvolver neste ámbito.
O acto terá lugar ás 20.00 horas no Centro Social de Boiro e contará coa participación de Raquel Suárez, portavoz municipal do BNG en Boiro; Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso; e André López, voceiro da Plataforma Vivenda Xa!
A iniciativa busca poñer no centro do debate público un problema que afecta especialmente á nosa comarca e máis concretamente á mocidade e a todas aquelas persoas que teñen dificultades para asumir os prezos dos alugueiros e da compra de vivenda. O BNG defende que “o acceso a unha vivenda digna debe ser garantido como un dereito e non pode quedar condicionado unicamente pola capacidade económica de cada persoa”.
A través deste encontro, o BNG quere compartir as súas propostas e explicar o traballo que está a impulsar nas distintas institucións para facer fronte á crise habitacional, así como abrir un espazo de diálogo sobre as medidas necesarias para facilitar o acceso á vivenda.
O acto enmárcase no compromiso do BNG coa defensa dos dereitos sociais e coa procura de solucións a “un dos principais problemas que afronta hoxe a sociedade galega”, en palabras do grupo nacionalista, que engade que xa o mes pasado o deputado no Congreso dos Deputados visitou o Barbanza a para anunciar a súa proposta de mobilizar os inmóbeis da SAREB e destinalos a vivenda pública. Unha medida que, segundo os nacionalistas, “pode chegar a aliviar a tensión do mercado da vivenda nunha zona marcada pola crecente turistificación e pola estacionalidade dos alugueiros”.
“Animamos a toda a cidadanía a achegarse a participar neste encontro para coñecer con detalle as solucións que viñemos traballando para poñer fin á crise habitacional”, remata a voceira de Boiro.



